O Concello do Grove continúa co seu plan de mantemento no Colexio de Conmeniño
Fecha: 2018-01-23
Trátase de novas accións de mellora que dan continuidade a un plan que consegue manter os colexios do Grove de xeito adecuado.
O Concello do Grove iniciou nestes días obras de mellora e mantemento do Colexio Conmeniño. Trátase da eliminación do xabre na zona de xogos para substituílo por un produto máis fino atendendo ás peticións do equipo de dirección do centro, que busca unha contorna de xogo o máis natural para os cativos. Tamén se inclúe a colocación dunha casiña de xogos para completar o parque e dotalo de máis variedade de actividades.
Estas accións enmárcanse dentro dun amplo plan de mantemento dos centros educativos do Grove que se puxo en marcha hai xa dous anos e que permite atender periodicamente as necesidades que van xurdindo en cada centro. Deste xeito, e vencellado co Plan de Parques e Xardíns que se aplica a toda vila, téñense mellorado todos as zonas de xogo dos tres centros (Rosalía de Castro, Valle-Inclán, As Bizocas e agora Conmeniño) e téñense emprendido melloras como a relativa ao cambio de fiestras, aseos ou incluso mellora do patio, como sucedeu no Colexio Rosalía de Castro.