Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

Ditame do XVII Premio de Novela Curta Manuel Lueiro Rey

Fecha: 2010-09-03

 

Mañá sábado, 4 de setembro, reúnese o xurado do certame literario Manuel Lueiro, organizado polo Concello do Grove, para ditaminar a convocatoria correspondente á edición do ano 2010. O premio está dotado con 3 000 euros.

 

Son membros do xurado, nesta ocasión, Manuel Quintáns Suárez, escritor e profesor, en calidade de presidente; Armando Requeixo e Francisco Martínez Bouzas, profesores e críticos literarios; Ánxela Gracián, escritora, actuando por delegación da editorial Sotelo Blanco e An Alfaya, escritora que resultou a gañadora da edición anterior coa obra Area quente. Actúa como secretario do xurado, con voz e sen voto, o concelleiro de Cultura, Antón Mascato.

 

A Concellería de Cultura quere salientar que nesta edición se superou nun vinte por cento o número de obras recibidas, vinte e seis, para optar ao premio Lueiro Rey, e que “a diferenza de anos anteriores, en que a decisión se debatía entre un par de orixinais, a competencia é moi forte, xa que en opinión dos diferentes membros do xurado, arredor de seis obras teñen un alto valor literario, polo que calquera delas pode sumar os votos necesarios para ser proclamada como gañadora”, en palabras do concelleiro Antón Mascato. Varios membros do xurado pediron que se dilatase o tempo inicialmente previsto para o ditame, na primavera pasada, precisamente para poderen darlle unha nova lectura aos orixinais.

 

As sucesivas convocatorias deste certame van consolidando un premio que se ten revelado como un dos máis solventes do panorama literario galego á hora de dar a coñecer novos autores e autoras que posteriormente teñen unha difusión destacada.

 

Foron premios Lueiro Rey, entre outros, Teresa Moure, Ramón Caride, An Alfaya ou Santiago Jaureguízar.

 

As diferentes obras que resultaron gañadoras e finalistas deste Premio de Novela Curta Manuel Lueiro Rey foron publicadas por Sotelo Blanco Edicións, e prevese a saída da que se decide mañá para o vindeiro mes de decembro.