As colareiras artesás terán un stand durante a Festa do Marisco
Fecha: 2010-09-03
Non se coñece outro lugar de Europa, non sendo O Grove, no que sexa unha realidade viva a elaboración de pezas de ornato feminino con base en cunchas mariñas, pero malia ser a máis representativa actividade artesanal de cantas se realizan neste concello, e estaren directamente vencelladas ao que se deu en chamar patrimonio da cultura marítima, nunca antes tiveran o recoñecemento institucional, en forma de stand propio, na celebración da Festa do Marisco do Grove. Esa é a razón que leva á Concellería de Cultura a organizar un espazo singularizado, no que os visitantes podan ver unha mostra desta actividade, ao tempo que gozan do traballo ao vivo da arte destas mulleres.
O posto que se instalará no Corgo, vai contar cunha parte expositiva na que diferentes pezas de artesanía de cunchas como colares, aneis, pendentes, pulseiras, broches ou prendedores do cabelo, serán expostas. Obras que proceden dos fondos do Centro de Interpretación da Pesca e a Salga (CIPES) e de doazóns e préstamos temporais de diferentes artesás, entre os que figuran Noemí Lamelas Viñas, Chete, a familia Dadín, ou a antiga fábrica Nacamar, da Ramallosa, para a que traballaron moitas artesás grovenses. Ao mesmo tempo, unha representación das artesás colareiras realizarán traballos ao vivo, explicándolles aos visitantes os pormenores da súa arte popular, os nomes das cunchas que empregan, os lugares de recollida de cunchallo e os criterios e métodos de elaboración das pezas.
O concelleiro de cultura, Antón Mascato, afronta a nova experiencia con ilusión, “creo que vai ser moi positivo para este sector de artistas populares, e aínda que seguramente non van poder participar todas as que quixésemos, en función das interesadas faremos unha selección con criterios de representatividade, na que se complementen artesás que fan o de toda a vida, e artesás que fan pezas nas que combinan as cunchas con outros materiais como coiro ou prata”. As artesás colareiras que desexen participar neste stand deben dirixirse á información do Concello, ata o venres 10 de setembro.
Esta acción e outras, como xornadas técnicas ou obradoiros de artesanía de cunchas en centros educativos que se desenvolverán durante o curso escolar, están orientadas a conseguir que esta actividade que tanto identifica as mulleres do Grove acade un maior recoñecemento social e sexa a vía de acceso á consecución da carta de artesanato, ou marca de calidade, para darlle un impulso a tan simbólica actividade meca.