Cinemas de Galicia volve ao Grove esta fin de semana
Fecha: 2018-06-01
Notable éxito das proxeccións desta edición.
O programa cultural Cinemas de Galicia auspiciado pola Asociación Galega de Industrias Culturais (AGADIC) que por terceiro ano se celebra no Grove, ofrece esta fin de semana unha nova proxección. Lembramos que este proxecto ten como obxectivo facilitar o acceso ao cine naquelas localidades onde non se conta con salas de exhibición. Cinemas de Galicia permite, ademais, acceder a cine europeo de calidade que, habitualmente, non é fácil de atopar nas salas comerciais.
As proxeccións desta quenda estanse celebrando na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey cunha media de máis de 30 espectadores por filme (dato moi positivo para cine que xeralmente é considerado minoritario). Esta fin de semana proxectarase a película Lady Macbeth, do director William Oldroy, sobre unha historia de Nikolái Leskov. Lady Macbeth foi estreada o pasado ano e estivo nominada nos premios BAFTA e tamén nos Premios Goya como mellor película Europea, ademais de conseguir cinco premios no British Independent Film Awards, entre moitos outros. A película proxectarase o sábado ás 20.00 horas e o prezo da entrada é de 3 euros.
Cinema de verán
O Concello do Grove confirma, ademais, que tal e como sucedeu nos dous anos anteriores, e dada a espectacular acollida de público do programa, este verán volverá haber cinema de verán nos meses de xullo e agosto na rúa do Hospital (xunto á capela de Santo Antonio).