A Xunta de Goberno Local adxudica a obra de colocación dun ascensor na Casa do Concello
Fecha: 2018-06-22
Trátase dunha actuación que permite avanzar e case completar o compromiso de total accesibilidade dos edificios públicos do Grove.
A Xunta de Goberno Local que tivo lugar esta semana adxudicou as obras de colocación dun ascensor na Casa do Concello do Grove. Trátase dunha obra que habilitará un ascensor interior do edificio e que permitirá que este sexa por fin accesible á totalidade da poboación. O compromiso de accesibilidade dos edificios públicos estaba marcado desde o comezo do mandato e, con esta actuación (logo de acometer todo o relativo aos centros educativos), dáse un gran paso para conseguir o seu total cumprimento.
As obras realizaranse logo do verán, polo que neste período comezará acopio de material e a reorganización interna do edificio, xa que se elimina un aseo e parte dun despacho para lle dar cabida ao ascensor.