O Concello do Grove converte as súas praias en espazos cardio-protexidos
Fecha: 2018-06-29
O Concello dota así ás praias dun servizo adicional que contribúe a facer do Grove unha vila pioneira na cardio-protección.
O Concello do Grove contará este verán con praias plenamente cardio-protexidas. A proposta do Goberno local, contemplada no programa electoral, de converter ao Grove nun Concello cardio-protexido segue avanzando e este verán farao nas praias. Deste xeito, os catro equipos DESA (desfibriladores) instalados nos colexios pasarán durante estes meses a instalarse no posto de socorro das praias.
En concreto contarán con estes equipamentos os tres postos de socorro da praia da Lanzada e o da praia de Raeiros. Ao mesmo tempo as praias da zona norte quedan cubertos co DESA instalado no coche patrulla do servizo de Emerxencias. O Grove presta así un servizo que non é un requisito esixido por ningún organismo, senón un obxectivo propio do Concello que consegue así facer das áreas de grande afluencia de turistas espazos cardio-protexidos.