Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O Concello do Grove continúa co seu amplo programa cultural tamén no mes de agosto

Fecha: 2018-07-26

 

Todas as actividades contaron ata o de agora cun notable éxito de público.

 

Xa case rematado o mes de xullo, a programación cultural do Concello do Grove ten amosado ter unha grande aceptación de público. De especial interese resultan as datas “fixas” da programación como os martes para as actividades infantís, os mércores de cinema de verán na rúa e, por suposto, os coñecidos Xoves Musicais que teñen conseguido encher a praza do Corgo.

 

A programación continúa no mes de agosto, e faino comezando este luns coa inauguración da mostra fotográfica de Paco Luna “Aires do Salnés” na Sala das Cunchas do Concello. O acto inaugural terá lugar este luns, 30 de xullo ás 19.30 horas.

 

Especial interese ten, no mes de agosto, o ciclo “Con Voz de Muller” no que o Concello do Grove quere crear un espazo especial para a música feita e cantada por mulleres. En recoñecemento polo seu labor artístico e reivindicando un oco para elas na programación cultural. Entre o 16 e o 19 de agosto poderase desfrutar das actuacións de Red Vita, Carolina Rubirosa, Guadi Galego e Uxía Senlle. Neste caso (agás a actuación de Red Vita) os concertos celebraranse na Rúa Castelao a partir das 21.30 horas.

 

A información sobre a ampla programación de verán do Concello do Grove está dispoñible no Facebook “Cultura Concello do Grove”.