A Xunta de Galicia adxudica os máis de 4 millóns das subvencións de equipamentos para concellos en 12 minutos
Fecha: 2018-08-03
O Grove queda fóra da convocatoria por presentar a súa solicitude dous minutos despois.
A Xunta de Galicia convocou o pasado mes de abril unha liña de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas á creación ou mellora de infraestruturas e equipamentos nos concellos de Galicia. A dita convocatoria, publicaba no DOG do 4 de maio deste mesmo ano, dispoñía de 4.381.543,00 euros en dúas anualidades para atender actuacións de mellora dos municipios de Galicia. Segundo as propias bases, a adxudicación de fondos realizaríase por orde de entrada.
Tendo isto en conta, e tal e como fixo para outras solicitudes doutros organismos, o persoal municipal encargado de tramitar esta subvención tivo todo disposto ás 00.00 horas do día no que comezaba o prazo. Tras múltiples problemas na plataforma de xestión da solicitude, a documentación do Concello do Grove quedou inscrita ás 00:14:50 horas. Dun xeito máis concreto, presentouse toda a documentación requirida coa finalidade de solicitar unha subvención para a “Impermeabilización dos depósitos de augas municipais”.
A sorpresa produciuse cando, dous meses despois, a consellería responsable da axuda (Medio Ambiente e Ordenación do Territorio) remite unha comunicación ao Concello do Grove informando de que as axudas presentadas a partir das 00:12:18 horas quedaran excluídas. Isto significa que a Xunta de Galicia outorgou axudas por máis de 4 millóns de euros en pouco máis de 12 minutos, feito que resulta, cando menos, estraño. O Concello do Grove non conta, ademais, con ningún tipo de información sobre que proxectos teñen conseguido a axuda, o que supón un sistema de actuación que resulta, unha vez máis, escuro e sospeitoso.
Ante esta situación, o Concello do Grove xa ten iniciado os trámites para realizar un recurso de reposición onde, entre outras cousas, se solicita que a Xunta de Galicia remita unha copia do rexistro de entrada dos proxectos adxudicados. Unha vez máis, as formas de actuar da Xunta resultan pouco claras e prexudican os veciños e veciñas do Grove.