O Concello do Grove remata o rexistro de 91 terrazas
Fecha: 2018-08-06
É a primeira vez que O Grove conta cun censo actualizado deste tipo de instalacións.
Logo da modificación da Ordenanza de terrazas para mellorar o seu sistema de solicitude, o Concello do Grove acaba de poñer en marcha un arduo traballo que, por primeira vez, permite contar cun censo actualizado das terrazas que teñenpermiso na localidade. Deste xeito recolléronse un total de 96 terrazas das que 25 están situadas en terreos de Portos e, polo tanto, non pagan taxas municipais pola súa montaxe.
Este censo recolle as solicitudes presentadas polos concesionarios destes espazos e unha medición dos metros que ocupan estas. Deste xeito, ademais de optimizar o cobramento das taxas para estes espazos, permitirá que, de xeito sistemático, se poidan facer controis sobre elas, especialmente no relativo á ocupación (sen que superen os metros concedidos) así como o cumprimento da ordenanza no relativo a mobiliario, estética e emprego de elementos de cerramento. A Xunta de Goberno Local aprobou este censo o pasado luns, o que permitirá que as medidas de control poidan poñerse en marcha de inmediato. Lembramos que a Policía Local poderá actuar de oficio ante o incumprimento da ordenanza ou por demanda de terceiros.
Do total de terrazas solicitadas, a maior parte atópase no centro urbano do Grove, contando a parroquia de San Vicente con tan só once destas instalacións, 9 en San Vicente e 2 en Reboredo. Como zonas de maior incidencia están a avenida de Beiramar, con 19, e a rúa Pratería, con 12; seguida moi de preto pola rúa Castelao, con 9. As restantes repártanse por zonas diversas da localidade como a rúa do Cruceiro, a praza do Corgo ou a rúa Luís Casais, entre outras.
En canto ás dimensións solicitadas, a terraza máis grande conta con 40 metros cadrados, mentres que a máis pequena ten solicitados 1,20 metros cadrados. Desde o Concello do Grove lémbrase que o período de moratoria da Ordenanza de terrazas, aprobada hai xa cinco anos, rematou o pasado mes de xullo, polo que o seu cumprimento resulta obrigado.