O Concello do Grove trasládalle á Xunta de Galicia as súas demandas no relativo ao transporte público
Fecha: 2018-08-06
O alcalde do Grove mantivo unha reunión co xefe do Servizo Provincial de Transporte na que trasladou unha serie de demandas fundamentais neste eido.
O alcalde do Grove mantivo un encontro en Pontevedra co xefe provincial de Transportes da Xunta de Galicia. A reunión tivo lugar debido a que a Xunta de Galicia puxo en marcha un estudo das necesidades dos concellos no relativo ao transporte público atendendo á necesidade de adaptarse ás novas normativas europeas que supoñen, entre outras cousas, os cambios nas concesións destes servizos.
As demandas do Concello do Grove son, obviamente, moi amplas e concretas. Deste xeito o alcalde centrou a súa solicitude en tres bloques.
Comunicación entre as parroquias (San Vicente–O Grove)
Unha vez máis quedou de manifesto a inexistencia dun servizo adecuado para atender esta demanda. Deste xeito solicitouse que este non pode limitarse aos meses de verán senón que debe manterse durante todo o ano ademais de incrementarse a frecuencia propoñendo que a maioría das liñas fagan a súa saída da localidade (tras chegar ao centro do Grove) por Campos, Estonllo, Reboredo, Balea e San Vicente. Trátase dun servizo que resulta crucial para normalizar a vida da veciñanza desta zona máis aló do reforzo de verán para acudir ás praias da zona.
Comunicación coas cidades e eixes de transporte
O alcalde do Grove tamén solicitou máis coordinación, tanto no verán como no inverno, nas liñas directas a Santiago de Compostela, con horarios máis adaptados as necesidades das persoas usuarias, especialmente os universitarios e os turistas. Do mesmo xeito as liñas con Vilagarcía e Pontevedra, que en moitos casos son fundamentais para a conexión co tren, ou con Vigo no relativo ao aeroporto. Precisamente neste punto, o dos aeroportos, atendendo a novo modelo de turismo, resulta crucial para O Grove poder contar con liñas cara a eses centros de transporte.
Neste bloque tamén se incidiu na inexistencia de conexións directas para a zona sanitaria do Grove, que é Pontevedra, non o Hospital do Salnés.
Transporte escolar
Inda que desde a consellería en cuestión se indicou que non se entraba nesa área xa esta pertence a Educación, quíxose deixar patente como o transporte está condicionando o desenvolvemento escolar na localidade, onde os horarios dos colexios son postos pola empresa concesionaria deste servizo, sen ter en conta as necesidade de conciliación familiar nin de formación dos cativos.
A todo o anterior engadíronse queixas no relativo á xestión da estación de autobuses, onde se produce unha total ausencia de información, o peche permanente dos puntos de venda e total ausencia de control de horarios. Esta, e todas as cuestións anteriores xa lle foran trasladas á Xunta de Galicia hai dous anos, cando se convocou a actual concesión sen que se atendese ningunha delas. Agárdase que, nesta nova oportunidade, se teñan en conta.