O Concello do Grove organiza 'Atrapados con Alicia', un escape room literario familiar
Fecha: 2018-09-27
As actividades están dirixidas ás familias e terán lugar o sábado 29 de setembro.
O Concello do Grove segue apostando pola dinamización lectora con innovadoras propostas e actividades, buscando a implicación das familias no desenvolvemento lector da rapazada. O sábado 29 de setembro terá lugar na Rede de Bibliotecas “Atrapados con Alicia”, unha actividade literaria de escape room baseado na obra de Lewis Carroll Alicia no país das marabillas. Realizaranse dous pases, ás 17.30 e ás 18.30.
Os escape room son as actividades máis puxantes na actualidade e a súa dinámica é moi sinxela: os participantes son encerrados nun espazo decorado de forma temática e deben conseguir saír do interior resolvendo enigmas. A proposta do Concello do Grove sitúanos no interior de Alicia no pais das marabillas, para o que se ambientarán e decorarán os espazos con esa temática.
Os participantes serán encerrados no "País das Marabillas" e deberán conseguir saír do interior. Deste xeito nais, pais e rapazada deberán implicarse e cooperar seguindo pistas e resolvendo enigmas para poder voltar ao mundo real. Esta proposta espertou grande interese entre a poboación e xa se esgotaron todas as prazas das dúas quendas.