Fin de semana de festa e actividades no Grove
Fecha: 2018-11-16
Ademais da celebración da Festa de San Martiño, que fora aprazada, unha grande oferta de actividades ocuparán a carpa institucional e outros espazos.
O Grove volve contar esta fin de semana cunha ampla oferta cultural e lúdica logo da parada obrigada polo mal tempo dos pasados días. As celebracións da festividade de San Martiño comezarán hoxe venres ás 17.30 horas cun Magosto Popular e animación infantil. As actividades continuarán mañá sábado cun Torneo de Minibasket ás 10.30 horas, o II Torneo de Chave na praza do Corgo ás 15.00 horas e, xa ás 21.00 horas, a verbena amenizada polo grupo America SL e a orquestra Super Hollywood. O domingo 18 as activiaddes comezarán ás 11.00 horas coa actuación do grupo folclórico Paradanda; ás 12.30 horas realizarase a lectura do pregón a cargo do cociñeiro Javier Olleros. Xa pola tarde, ás 18.00 horas, celebrarase unha exhibición de baile moderno a cargo de Cantodorxo, ás 19.00 horas o concerto dos Firrás e ás 20.30 h actuación de Versión Original.
Pero ademais do amplo programa das Festas, mantéñense outras actividades previstas como o concerto benéfico a favor de Anduriña que ten organizado mañá sábado a Asociación Cultural e Musical Os Firrás e que se celebrará ás 18.30 horas na Carpa Institucional. Esa mesma carpa acollerá o sábado e o domingo, entre as 17.00 e as 20.30 horas, o Rastrillo do Libro Solidario organizado pola asociación Porunasonrisa DoGrove.
Tamén lembramos que o sábado 17 está prevista unha actividade de dinamización lectora que terá lugar ás 16.30 horas na Casa da Cultura de San Vicente. Trátase da actividade “Ioga en Familia”, para a que é precisa inscrición previa a través da Rede de Bibliotecas Municipal.
Complétase así outra fin de semana cunha ampla oferta de actividades que coloca a O Grove como referencia cultural da comarca.