O Concello do Grove convoca a VIII edición do Concurso de Fotografía ‘A Muller Traballadora’
Fecha: 2019-01-18
Increméntase a contía dos premios a 350, 250 e 150 €.
Establécese un premio especial de 150,00 € para o impulso da promoción da muller
O Concello do Grove convoca a VIII edición do Concurso de Fotografía “A Muller Traballadora” cuxas bases se comezarán a distribuír a partir do venres 18 de xaneiro.
Este concurso realízase con motivo do Día Internacional da Muller, no que se conmemora a loita das mulleres pola súa participación e igualdade de xénero na sociedade e no seu desenvolvemento integro como persoas, e está centrado no ámbito do traballo, co que se pretende, a través das imaxes, reflectir os logros das mulleres en calquera eido.
Neste concurso establécense tres premios, cuxa contía se incrementou en 50 euros con respecto ás anteriores edicións:
1º premio: 350 €
2º premio: 250 €
3º premio: 150 €
Outra novidade é que este ano se establece un novo premio de 150,00 € para o Impulso á promoción da muller, destinado á fotografía que promova a igualdade, o desenvolvemento profesional e o liderado das mulleres na súa incorporación a postos de responsabilidade e dirección.
No concurso poderá participar calquera persoa física maior de idade que presente unha obra súa, orixinal e inédita. Cada autora ou autor poderá presentar un máximo de tres fotografías en formato impreso ou dixital.
As fotografías deberán ser orixinais e non premiadas noutros concursos. Poderán presentarse en vertical ou en horizontal e admitiranse fotos en cor e en branco e negro, quedando prohibido o uso de programas de retoque fotográfico.
As bases, que se poderán consultar na páxina web do Concello do Grove a partir do venres 18, establecen como prazo límite de presentación das obras o venres 22 de febreiro de 2019. Nese mesmo mes reunirase un xurado, composto por integrantes do Consello Local da Igualdade e por profesionais relacionados co mundo da arte e da fotografía, para a selección das imaxes recibidas.