O Concello do Grove estará en FITUR da man da Deputación de Pontevedra reivindicando o seu potencial gastronómico
Fecha: 2019-01-22
O alcalde do Grove estará na Feira Internacional de Turismo o vindeiro xoves, 24 de xaneiro.
O alcalde do Grove, Jose Cacabelos, será o encargado de representar a nosa localidade na Feira Internacional de Turismo (FITUR), que esta semana se celebra no Recinto Feiral Juan Carlos I de Madrid. No Pavillón 9 destas instalacións terá lugar o vindeiro xoves, 24 de xaneiro, a presentación da Deputación de Pontevedra aos medios e touroperadores que este ano leva por título “Fame de experiencias?” e que amosará os principais polos de interese gastronómicos da provincia de Pontevedra, entre os cales, obviamente, ten un especial protagonismo O Grove, non só pola súa Festa do Marisco, senón pola ampla oferta gastronómica da vila.
Deste xeito, a promoción da Festa do Marisco, como vén sendo habitual nestes tres últimos anos, comeza xa con forza desde o remate da anterior edición, e o seu material publicitario xa está circulando e estando presente nas rúas da localidade (onde o valo da praza do Corgo xa acolle o cartel desta edición), así como nas oficinas e puntos de información turística de toda Europa, incidindo no interese internacional deste evento.