Novos recoñecementos para os programas de dinamización lectora da Biblioteca Municipal do Grove
Fecha: 2019-02-08
A Biblioteca volveu a acadar o premio María Moliner e foi situada como referencia na revista Mi biblioteca deste trimestre
A Biblioteca Municipal do Concello do Grove segue sendo un referente no relativo aos seu programas de dinamización lectora. Esta mesma semana foi comunicada a consecución do Premio María Moliner co programa “Eu vou coa miña Biblioteca”, posto en marcha durante 2018. O premio, dotado con 1.700 euros, recoñece a iniciativa da biblioteca ao traballar partindo da obra de Raquel Díaz Reguera Yo voy conmigo, que se centra en atender a diversidade das persoas, concienciando os máis cativos sobre a aceptación desa diversidade e sobre o importante que é ofrecer servizos e recursos que poidan cubrir as necesidades específicas de cada persoa.
Ademais deste premio, que se suma aos anteriores conseguidos, a revista especializada Mi biblioteca acaba de publicar no número de inverno un artigo sobre a actividade “Atrapados con Alicia”, posta en marcha na Biblioteca do Grove durante o mes de setembro. O artigo versa sobre a finalidade e desenvolvemento desta actividade, un escape room literario familiar que acadou un notable éxito entre familias.
Estes novos recoñecementos a nivel nacional supoñen un novo pulo para a actividade e funcionamento da biblioteca grovense, cuxas actividades se atopan tamén no catálogo de “Boas prácticas bibliotecarias” do Ministerio de Cultura.