O Concello do Grove demanda maior responsabilidade dos veciños e veciñas ante o grave problema das ‘toalliñas’ hixénicas
Fecha: 2019-04-29
Nas últimas tres semanas foi necesario levantar cestos de bombeo de xeito continúo ao estar colapsados con este material.
A “toalliñas” hixiénicas que son deixadas polos aseos do Grove acaban nos bombeos e nas bombas das depuradoras e convértense nun grave problema para os sistemas de recollida de fecais da localidade. Os cestos que actúan de filtro nos bombeos da zona do Corgo ou do Porto de Meloxo amosan un aspecto verdadeiramente lamentable ao non lles poder facer fronte aos atascos que este tipo de produto produce.
Estas “toalliñas” están a causar problemas na xestión dos residuos do Grove, pero tamén danos medioambientais moi graves ao entorpecer o proceso de xestión da auga, comportando custos económicos de limpeza que incrementan os previstos para este fin. Os atascos xerados por estas “toalliñas” xa teñen producido problemas moi graves en cidades como Valencia ou San Sebastián nos pasados anos, e O Grove pode sumarse á lista de localidades con estas incidencias se non se corrixe o abuso deste produto.
Non podemos perder de vista que estes produtos non son biodegradables e, de feito, a diferenza do papel hixiénico, que se degrada nun 95% á media hora de estar na auga, unha “toalliña” apenas disolve un 36% da súa composición dous días despois de chegar ao inodoro. Ademais, esta inclúe unha composición química que resulta altamente contaminante e dificilmente se pode reducir no proceso de depuración.
Desde o Concello do Grove faise un chamamento á concienciación dos veciños e veciñas para que eviten o uso destes produtos e, sobre todo, non se boten polo inodoro, xa que poden causar un dano verdadeiramente importante no medio ambiente.