A Festa do Marisco terá a súa presentación internacional en Ámsterdam
Fecha: 2019-05-02
A presentación está prevista o vindeiro 4 de xullo na capital holandesa.
A habitual presentación internacional da Festa do Marisco, que tan bos resultados ten colleitado nos últimos anos, terá lugar no 2019 na cidade de Ámsterdam. Lembramos que estas presentacións contan coa axuda económica da Xunta de Galicia a través dunha liña de subvencións para a promoción de festas de interese turístico. En concreto, a Xunta achega (como única liña para a Festa do Marisco) os 25.000 euros de custos destas presentacións, que supoñen un verdadeiro esforzo económico e loxístico que ten conseguido colocar o marisco do Grove en destinos como La Rochelle, Bolonia ou Dublín.
O apoio fundamental para estas importantes presentacións vén da man Turespaña que, neste caso, conta cunha oficina de La Haya, que será a que colabore no evento. A idea da presentación pretende contar coa mesma estrutura que en ocasións anteriores tramitando convites a público cualificado, nomeadamente xornalistas turísticos e críticos gastronómicos da localidade, ofrecéndolles unha sesión de presentación e un showcooking con cociñeiros ou cociñeiras de prestixio da nosa localidade. O Concello xa iniciou os trámites de organización, tanto para contar con materia promocional como para concretar o lugar do evento.