O Concello do Grove presentou hoxe a programación cultural para o verán 2019
Fecha: 2019-07-01
As actividades comezarán o mércores 3 de xullo e continuarán ata o 30 de agosto.
O Concello do Grove presentou hoxe a programación cultural para o verán 2019 que se desenvolverá desde o 3 de xullo ata o 30 de agosto. Trátase dun amplo programa que ofrecerá distintas actividades culturais ao longo dos meses de xullo e agosto co fin de ofrecer entretemento e achegar a cultura aos habitantes da vila e a todas aquelas persoas que nos visitan durante o verán.
Esta iniciativa conta cunha programación moi diversificada para poder compracer a todos os públicos: teatro, cine, folclore, concertos, musicais, baile, actividades para os cativos... Deste xeito, practicamente todos os días se levan a cabo distintas actividades culturais en diferentes rúas.
A programación comezará o mércores 3 de xullo co ciclo de Cinemas de Verán, que se desenvolverá todos os mércores na Rúa Hospital e complementarase coa proxección ao inicio de curtas de Pixar e máquina de flocos de millo. A primeira proxección será Ralph rompe Internet, película recomendada para todos os públicos e que comezará ás 22.15 h.
Xa o xoves 4, dará comezo o ciclo Xoves Musicais coa actuación de A Banda do Sequío na praza do Corgo a partir das 21.30 h. As actuacións tamén se desenvolverán ao longo dos meses de xullo e agosto. Trátase dun ciclo que, este ano, busca poñer en valor a música e interpretación dos artistas da nosa vila.
O martes 9 de xullo ás 20.30 h comezarán as actividades para os cativos e público familiar co contacontos Amoriños contei, a cargo de Tarabelos. Todos os martes se desenvolverán os espectáculos de dinamización na rúa Alcalde Xacobe Barral a partir das 20.30 h.
O xoves 25 de xullo, a partir das 21.00 h, a praza do Corgo acollerá o acto institucional do Día Nacional de Galicia coa actuación de Clara Pino e Pablo Vidal, intervencións poéticas a cargo de M.ª Carmen Cacabelos e Queco Fresco e a interpretación do Himno de Galicia a cargo da Coral Polifónica da Confraría de Pescadores.
Así mesmo, o Concello do Grove segue dedicando un espazo especial á interpretación realizada por mulleres en recoñecemento polo seu valor artístico e como reivindicación dun espazo para as mulleres na programación cultural. Contará coas actuacións de Red Vita, Carolina Rubirosa e Cinco en Zocas no ámbito musical e Raquel Queizás, Xarope Tulú e María Faltri no ámbito da narración oral.
O ciclo Cultura no Camiño achegará ata o Grove varias actuacións, entre elas o espectáculo de maxia e clown Un, dous e tres, a cargo de Expresión Producccións e dirixido a público familiar, que terá lugar o venres 26 de xullo na praza do Corgo. Así mesmo, o venres 16 de agosto terá lugar o espectáculo de teatro musical E se os soños se cumpren?, a cargo de Garaxe Hermenéutico, tamén na praza do Corgo.
O programa completarase con diferentes actividades musicais, outras realizadas polas asociacións culturais Cantodorxo, Os Firrás, Coral Polifónica da Confraría de Pescadores San Martiño e a Festa da Salga a cargo da Asociación de Amigos do Espazo Museístico de Punta Moreiras e outras iniciativas como a programación de verán de O Patio ou O Carnaval de Verán organizado polos locais da rúa do Pombal.