A delegación do Concello do Grove pon rumbo a Amsterdam para unha nova presentación internacional da Festa do Marisco
Fecha: 2019-07-03
O menú amosará os mellores produtos da nosa Ría combinada coa creatividade dos nosos cociñeiros.
A delegación do Concello do Grove encabezada polo alcalde poñerá rumbo mañá a Amsterdam onde o próximo xoves se celebrará a presentación internacional da Festa do Marisco de 2019. Xa se conta con máis de 15 medios de comunicación holandeses confirmados e agárdase unha boa acollida do evento que foi organizado contando coa colaboración da oficina de Turespaña situada na Haia.
Como xa se anunciou, o cociñeiro encargado de realizar o showcooking é Álvaro Fuentes, do Restaurante Meloxeira, quen deseñou un menú onde se permite o lucimento dos produtos locais ao tempo que se amosa unha cociña innovadora e atrevida. Está previsto que na presentación o cociñeiro se encargue de amosar a preparación dunha empanada de mexillóns e chourizo, ademais de dar as claves para cociñar outros mariscos.
Lembramos que esta presentación resulta crucial para manter a proxección internacional da Festa do Marisco e conta co financiamento da Secretaria Xeral de Turismo da Xunta de Galicia.