Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O Concello do Grove acada unha subvención para a programación de actividades contra a violencia de xénero nas bibliotecas

Fecha: 2019-08-19

 

As actividades desenvolveranse na biblioteca municipal do Grove e na axencia de lectura de San Vicente.

 

O Concello do Grove acadou unha nova subvención da Xunta de Galicia para a programación de actividades de dinamización da lectura destinadas a promover a igualdade entre homes e mulleres e á prevención e sensibilización contra a violencia de xénero dunha maneira lúdica e atraente na Rede de Bibliotecas do Grove.

 

En total, programáronse un total de cinco actividades que terán lugar durante os meses de agosto, setembro e outubro na axencia de lectura de San Vicente e na biblioteca municipal do Grove.

O venres 23 de agosto, a partir das 11.30 h, desenvolverase na axencia de lectura de San Vicente o obradoiro de ilustración A cidade violeta, a cargo de Anxo Fariña. Trátase dun obradoiro no cal a rapazada poderá crear un libro-cidade con moitas posibilidades de lectura. Pero o mellor de todo é que se se lle aplica a luz ultravioleta, ou o poñen na escuridade, verán como debería ser unha cidade sen violencia de xénero, e con igualdade entre mulleres e homes. Un libro-escultura para crear, xogar, ler na escuridade…

O 13 de setembro Trinketrinke Teatro achegará ata a biblioteca municipal do Grove o contacontos teatral O Ratiño Presumido, que promove a igualdade entre homes e mulleres e a loita contra a violencia de xénero. A gran Lilí Gruyère, a artista máis internacional de todas as ratiñas e ratiños de Lonxedetodo, vén de recibir un importante encargo profesional: a dirección do musical A Ratiña Presumida, para o que contará coa axuda do seu amigo e veciño o Rato Fuco. Nesta ocasión Lilí decide facer a súa propia versión: O Ratiño Presumido.

O 14 de setembro na axencia de lectura de San Vicente terá lugar o contacontos Diagnosticando a igualdade, a cargo de Caxoto Contacontos.  O público asistente recibirá a visita dun estrafalario doutor que irá a informar sobre unha doenza contaxiosa provocada polo Virus de Mach. O virus actúa facendo que nos desorientemos e comecemos a pensar cousas que non se corresponden coa realidade. A enfermidade denomínase “machismo” e quen o sufre non se enteira. Risas, sorpresas, síntomas... e receitas curadoras para toda a familia.

0 22 de outubro Migallas Teatro representará na biblioteca municipal do Grove o contacontos musical Elas pintan moito, unha sesión de contos a partir da obra de diferentes pintoras e dos elementos que as inspiraron. A través das artistas Xulia Minguillón, Sonia Delaunay, Frida Khalo e Yayoi Kusama abórdase a cuestión da igualdade entre homes e mulleres en todos os ámbitos da vida.

Por último, o 23 de outubro, Pablo Díaz achegará ata a axencia de lectura de San Vicente o contacontos musical Contando números, cantando cores, unha actividade para cantar, contar, traballar e reflexionar sobre a igualdade  entre nenos e nenas e maiores.