As obras de recuperación da Salga de Goday, no CIPES, chegan ao seu remate
Fecha: 2010-10-22
Con cargo aos fondos dos Plan E, primeira e segunda fase, en senllas partidas de aproximadamente 140 e 115 mil euros, o Concello do Grove acometeu as obras de recuperación da antiga fábrica de salgado de peixe que a familia de Manuel Goday montou en Moreiras, nas décadas finais do século XVIII. Esta recuperación dota a factoría dunha completa cuberta de dúas augas en todo o seu perímetro, formada por trabes de carballo e piares de cantería, que consolida as pías, prensas e outros elementos propios da actividade da salga de peixe; ademais de recuperar os antigos almacén e lareira que formaban parte da salgadeira.
Manuel Goday Roula (1755-1841) foi un fomentador catalán asentado na ría de Arousa que tivo unha intensa dedicación á pesca, conserva, envasado e venda de produtos derivados do mar. O seu fillo, Josep Goday Llauguer (1808-1865), casou no Grove con Vitoria Deira Prol (1826-1897), e sería o continuador, xunto coa súa muller, do negocio familiar que ampliaron con novas explotacións no Porto de Meloxo e Lordelo. Desta parella, que chegou a ter 12 fillos en 18 anos, son membros os Goday Deira, os Otero Goday, Otero Barral, Barral Iglesias, Benavides Goday, Bargés Benavides, Barral Figueiro, Sabell Goday, e tantas outras que serán convidas a participar no acto que se celebrará o día 13 de novembro, sábado, para recordar estas sagas familiares, e no que participarán os especialistas en historia Dionisio Pereira, Luís Rei, e Xoán Dopico, ademais do concelleiro de Cultura do Concello do Grove, e no que se referirán ao proceso da conserva, á guerra da sardiña, ao patrimonio marítimo local e aos máis destacados personaxes que forman parte desta ampla familia de que son parte, entre outros, don Jacobo Otero Goday, o pintor Ernesto Goday, o ex alcalde Xacobo Barral, o cóengo Alejandro Barral Iglesias, o cardiólogo Francisco Sabell, ou o mestre Xosé A. Barral Figueiro, por citar só algúns.
Traer esas figuras ao presente, actualizadas ao coñecemento das veciñanza e visualizalas como pioneiras e protagonistas da nosa historia para que non sexan unha placa máis dos nomes de rúas da vila é a intencionalidade de recuperar a memoria destes personaxes aos que se sumarán outros nos que tamén se empezou a traballar como o Luís Mestre Roig, ou o seu fillo, o escritor, Luís Antonio Mestre Hernández.
Esta recuperación foi coordinada desde o goberno local polo concelleiro de Patrimonio Histórico, Antón Mascato, quen expresou “a enorme satisfacción que nos produce ver rematada esta importantísima infraestrutura cultural, turística e didáctica, que forma parte do CIPES, ao que completa, dá todo o sentido e que, en conxunto, representa a máis importante instalación viva do patrimonio etnográfico-marítimo de Galicia”. O responsable municipal quixo agradecer nesta fin de obra a colaboración de todos os implicados neste proxecto, desde o alcalde e os seus compañeiros e compañeiras de goberno, por confiarlle esta recuperación, ata a empresa adxudicataria desta, os técnicos e traballadores que alí interviñeron e, moi especialmente, ás facilidades dadas polos veciños de Reboredo e San Vicente, que desde a Comunidade de Montes facilitaron que esta obra fose posible. Mención especial para os comunieiros e a súa directiva e presidente, que desde o principio entenderon que o investimento que se ía facer en Moreiras era unha obra estratéxica no Plan director da restauración do patrimonio marítimo do litoral grovense.