Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

Ignacio Vidal Portabales gaña o XXVI Premio Manuel Lueiro Rey coa obra ‘Lara e Sabela’

Fecha: 2019-12-19

 

O xurado nomeado polo Concello do Grove xuntouse na tarde do martes 18 de decembro para ditaminar a obra gañadora da XXVI edición do Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta.

 

Despois de deliberar, o xurado, composto por Armando Requeixo, Mario Requeira, Ánxela Gracián, Henrique Dacosta -gañador da pasada edición- e Manuel Bragado -en representación da Edicións Xerais de Galicia-, decidiu declarar gañadora da presente edición a obra titulada Lara e Sabela, presentada baixo o lema “Aloia”.

 

Logo de se abrir a plica da obra premiada, o seu autor resultou ser Ignacio Vidal Portabales, doutor en Dereito, profesor de dereito mercantil na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela e escritor.

 

Esta vixésimo sexta edición foi a que maior participación acadou ata o momento, cun total de vinte orixinais presentados; alén diso, o xurado quixo destacar o considerable incremento na calidade das obras participantes.

 

O Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta é un certame literario convocado polo Concello do Grove desde 1992 co obxecto de promover a vida e a obra do escritor e xornalista que lle dá nome, veciño desta vila desde a súa máis tenra infancia, axudando asemade á promoción da literatura galega e dos seus autores.