Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O CONCELLO DO GROVE OFRÉCESE PARA FACERLLE A COMPRA Á VECIÑANZA QUE NON POIDA FACELA POR SI MESMA

Fecha: 2020-03-16

 

 

O Concello do Grove porá en marcha desde este martes, 17 de marzo, un servizo dirixido a axudar a superar esta crise coa maior calidade de vida posible a toda a nosa veciñanza. En concreto, a nova medida afectaralles ás persoas que teñan dificultades de mobilidade ou a aquelas veciñas e veciños para quen saír das súas casas supoña un gran risco para a súa saúde.

 

Con esta medida queremos que as nosas persoas de máis idade, que vivan soas e non conten con axuda familiar poidan permanecer nos seus fogares ata que pase esta situación de alarma, evitando, na medida do posible, seren contaxiadas polo coronavirus.

 

As persoas que precisen desta axuda poderán solicitar este servizo no teléfono de Servizos Sociais (986 730 900), en horario de mañá, e no teléfono do concelleiro Kito Parada (657 464 277), a partir das 2 da tarde.

 

O funcionamento desta medida é sinxelo: unha vez solicitado o servizo, unha persoa voluntaria acudirá ao domicilio da usuaria ou usuario para recoller a lista da compra (supermercado, farmacia…). O último paso será a entrega dos produtos no domicilio da persoa solicitante, xunto co correspondente tícket de compra para o seu pagamento.

 

Voluntariado

Nos mesmos teléfonos teremos tamén unha listaxe para as veciñas e veciños que queiran sumarse como voluntarias ou voluntarios. Por suposto, as persoas incluídas nos colectivos de risco non poderán ser voluntarias. O grupo de voluntariado recibirá información de funcionamento e prevención por parte do servizo de Emerxencias do Grove.