O CONCELLO DO GROVE COMEZARÁ MAÑÁ MÉRCORES O REPARTO DE MÁSCARAS A DOMICILIO
Fecha: 2020-04-21
A excelente resposta da veciñanza á solicitude de voluntariado feita polo Concello a pasada semana para confeccionar máscaras de protección deu como resultado que haxa máis de cen persoas fabricándoas nas súas casas.
Logo de que se recollese xa un bo número de máscaras da primeira produción feita, hoxe completouse o seu proceso de embolsamento, sempre adoptando as medidas hixiénicas indicadas polas autoridades sanitarias, e a partir de mañá mércores persoal do Servizo de Emerxencias do Grove comezará o reparto porta a porta das primeiras mil bolsas con máscaras.
Entregarase unha bolsa por domicilio. Cada unha destas bolsas contén dúas máscaras de dobre tea cun peto para o filtro, dez filtros de TNT (tea non tecida) e un pequeno papel coas instrucións para o seu uso e mantemento.
Desde o Concello solicítanlle paciencia á cidadanía, xa que o reparto se vai facer cubrindo cada día unha zona da vila, mais esperan que ao longo desta semana se chegue xa a todas as rúas e a todos os domicilios. Así mesmo, agradécenlles unha vez máis a todas as persoas voluntarias o seu inestimable labor.