A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA ACHEGA HOXE 1.100 MÁSCARAS AO CONCELLO DO GROVE
Fecha: 2020-05-07
Trátase de material proporcionado, á súa vez, polo Goberno de España e a FEMP.
A Deputación de Pontevedra informou onte de que achegarían ao Grove 1.100 unidades de máscaras que proceden dunha partida de 57.000 facilitadas polo Goberno de España e a FEMP para seren repartidas na provincia en municipios de menos de 20.000 habitantes. A finalidade é que este material sexa empregado polos colectivos máis vulnerables do territorio, xunto cos operarios de limpeza e residuos sólidos, persoal de traballo social, Policía Local, etc. A Deputación estableceu o reparto en función da poboación e O Grove atópase no que lles corresponden aos municipios de entre 10.000 e 15.000 habitantes (1.100 unidades). O propio persoal da Deputación será quen se encargue do reparto, para o cal se desprazaron ata o concello ao longo da mañá de hoxe.
Máscaras solidarias
Este material engádese ás 8.000 máscaras realizadas por costureiras e costureiros voluntarios ao longo das pasadas de semanas e que foron repartidas en 3.972 vivendas polos servizos de emerxencias municipais. Desde o Concello agradécese o excepcional esforzo realizado polas mulleres e homes que realizaron este labor de xeito desinteresado, que permitiron que moitos veciños e veciñas da localidade se protexesen mellor. O Concello lembra que, aínda que se empreguen as máscaras, non deben descoidarse as medidas de seguiridade necesarias. Tamén se incide en que se están preparando informacións detalladas no relativo a reaperturas de comercios e outros establecementos.