Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O CONCELLO PREPARA UN INFORME TÉCNICO PARA TRASLADARLLE Á XUNTA DEMANDAS CONCRETAS DE CARA Á TEMPORADA TURÍSTICA

Fecha: 2020-05-21

 

A excelencia turística do Grove pasa polo mantemento e a continua mellora dos seus servizos para o cal, este ano, será preciso un maior apoio da Xunta de Galicia.

 

O Concello do Grove segue traballando na toma de medidas que permitan a volta á normalidade da localidade desde distintos ámbitos. Na última semana xa se informou da posta en marcha de medidas de limpeza e acondicionamento, sempre co obxectivo de que a veciñanza do Grove recupere a  normalidade e se volvan a poñer nun estado adecuado os espazos públicos, pero tamén coa vista posta na temporada de verán.

 

A este respecto, o Concello está preparando un informe técnico que lle será trasladado á Xunta de Galicia no cal se indican as necesidades específicas da localidade de cara á tempada de verán. Como xa se expresou, O Grove non aplicará medidas de “cita previa” nas praias ao consideralo unha proposta pouco lóxica e imposible de aplicar nun municipio con máis de trinta areais. Ademais disto, trátase dunha medida que vai en contra da liña de traballo na que se está incidindo e que pasa polo máximo coidado da localidade e a recuperación da normalidade.

 

Unha das cuestións fundamentais nas que se incide no informe é en que os esforzos que xa realiza o Concello do Grove no relativo a mantemento e limpeza das praias deberán verse reforzados debido ás circunstancias actuais, sendo necesario, por exemplo, ampliar a limpeza dos aseos das praias ou ampliar as zonas de seguimento. Todo isto pasa, sen dúbida, pola maior contratación de persoal para lles facer fronte a estas novas necesidades. No momento actual a contratación de verán é posible grazas aos fondos do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, que permite contar con operarios e operarias de roza e limpeza de praias durante a temporada de verán, pero nestas circunstancias isto non é suficiente, polo que cómpre o apoio da Xunta de Galicia.

 

O Concello do Grove solicita que, ao igual que se ten feito noutras comunidades autónomas como Andalucía, se habiliten fondos para axudar os concellos turísticos e os costeiros, que teñen necesidades adicionais e específicas para o proceso de recuperación. Os concellos turísticos xa realizan habitualmente grandes esforzos para lles dar un bo servizo ás persoas visitantes, polo que agora, máis que nunca, precisan dun maior apoio.