O CONCELLO DO GROVE COMEZARÁ A REAPERTURA PRESENCIAL DE SERVIZOS DE ATENCIÓN A VINDEIRA SEMANA
Fecha: 2020-05-23
O Comité de Prevención e Saúde do Concello establecerá o luns o calendario de concreto da apertura gradual de servizos para os que será preciso cita previa.
O Concello do Grove avanza na reapertura da atención presencial dos servizos administrativos. Malia que a actividade do Concello se mantivo durante a corentena, agora é preciso retomar a actividade nos distintos servizos administrativos de xeito presencial. Debe incidirse en que os servizos de limpeza, mantemento e obras xa se atopan traballando ao 100%, mentres que os servizos de Servizos Sociais xa contan cunha presencialidade do 50% e dun 30% no caso da Casa da Cultura. Agora é preciso que, a partir dos luns, sexan os servizos administrativos os que avancen neste aspecto.
A planificación gradual de recuperación de actividade presencia ten como data límite o 1 de xuño de 2020, coincidindo coa reactivación total dos proceso administrativos marcados polo Goberno central. Segundo as indicacións xa indicadas, a reincorporación do persoal será gradual e progresiva consonte as necesidade do servizo, e tendo en conta a especial protección das e dos traballadores vulnerables, polo que nos primeiros momentos quedará exento de actividade presencial o persoal municipal con enfermidades ou considerado de risco.
Cita previa
A novidade no relativo ás xestións presencias nos distintos departamentos administrativos do Concello será a incorporación dun sistema de cita previa que evite as aglomeracións ou as esperas prolongadas. O Concello xa conta cun sistema para xestionar estas citas, que será posto en marcha de xeito paralelo á reapertura dos servizos. O sistema de cita previa terá carácter telemático, pero poderá empregarse a vía telefónica nos momentos iniciais para que tanto o persoal do Concello como as persoas usuarias poidan adaptarse á nova forma de organización. O cadro de persoal municipal xa comezou esta semana a recibir formación sobre o relativo á xestión de cita previa e á atención telemática naqueles casos en que sexa posible, incidindo en que a atención telefónica e a telemática tentará priorizarse para evitar contactos non necesarios, buscando sempre a seguridade da cidadanía.
O Goberno local quere amosarlle un claro recoñecemento aos esforzos realizados polas traballadoras e traballadores do Concello durante este complexo período de tempo para que se mantivesen activos os servizos necesarios, ademais de agradecerlle á veciñanza a súa comprensión polos inconvenientes que se lle puidesen causar durante este tempo.