O CONCELLO DO GROVE PROPÓN A ADHESIÓN Á INICIATIVA EUROPEA DO PACTO DOS ALCALDES PARA O CLIMA E A ENERXÍA
Fecha: 2020-05-25
A proposta de adhesión deberá ser aprobada no vindeiro pleno do Concello.
A Comisión Informativa Xeral que terá lugar mañá martes 26 de maio iniciaciará o procedemento para que o Concello do Grove forme parte do Pacto polo Clima e a Enerxía. Trátase dunha iniciativa aberta a todas as cidades e municipios de Europa co obxectivo de involucrar as actividades locais e a veciñanza no desenvolvemento e na aplicación da política enerxética da Unión Europea. O Pacto consiste no compromiso das localidades en ir máis alá dos obxectivos adoptados para o 2020 pola Unión Europea para reducir as emisións de CO2 a través de medidas de eficiencia enerxética, accións relacionadas coa promoción das enerxías renovables e da mobilidade urbana sostible.
A adhesión a esta iniciativa supón acollerse ao denominado “Obxectivo 20/20/20”, cuxa meta é aumentar a eficiencia enerxética nun 20%, aumentar o uso de enerxía procedente de fontes renovables outro 20% e reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro nun 20% ao longo do ano 2020. Todo isto requirirá, para o caso concreto do Grove, a asignación de recursos humanos, técnicos e financeiros, ademais de traballar de cara á cidadanía, para convertela en consumidora consciente e implicada. Alén disto, esta participación ten relación directa coas denominadas “solucións intelixentes” para lles facer fronte aos retos sociais e técnicos da transición enerxética que o Concello xa está poñendo en marcha.
O Grupo de Goberno agarda que esta adhesión sexa apoiada por todos os grupos políticos no próximo pleno do Concello.