O CONCELLO DO GROVE REABRE O MUSEO DA SALGA O VINDEIRO LUNS
Fecha: 2020-05-28
As visitas realizaránse con cita previa e mantendo as medidas de seguridade.
Dentro do proceso de desescalada, o Concello do Grove procederá á reapertura das Salgadeiras de Moreiras o vindeiro luns 1 de xuño. Con todo, trátase aínda dunha reapertura condicionada por un protocolo de actuación que implica unha serie de medidas que van máis alá das mínimas establecidas polas institucións sanitarias e que pretenden unha utilización segura das instalacións. O obxectivo primordial é xerar seguridade e confianza tanto para as persoas visitantes como para o persoal do museo. O plan gradual de apertura destes espazos, optimizando os recursos dispoñibles –tanto humanos como materiais–, permitirá atender o público con garantías e controlar o acceso ás instalacións e o cumprimento das normas sanitarias.
Durante estes días estivéronse acondicionando os espazos, sinalizándoos axeitadamente e indicando as medidas de seguridade necesarias: instalación de carteis con normas e recomendacións específicas para o público, vinilos de sinalización con indicacións de distancias de seguridade para evitar que se formen colas ou aglomeracións, entre outros.
Atendendo á normativa vixente nesta fase, a apertura será unicamente para visitas con cita previa, permitindo unicamente os accesos individuais ou de persoas conviventes, evitando a realización de actividades paralelas ou complementarias alleas á propia visita e, en todo caso, limitando a capacidade a un terzo. As persoas interesadas en realizar anha visita poden facer a súa reserva no teléfono 608 216 963 ou a través do correo museo@concellodogrove.es, de luns a venres e de 9.30 a 14.30 horas.