RETÓMANSE AS OBRAS DE REFORMA DA RÚA ALEXANDRE BÓVEDA
Fecha: 2020-06-08
Logo de todos os problemas producidos nesta actuación, hoxe volveu a traballarse para finalizar esta importante actuación.
Logo dunha importante demora e de moitos prexuízos polos que o alcalde xa pediu desculpas, hoxe puideron reiniciarse as obras de acondicionamento da rúa Alexandre Bóveda. A Deputación de Pontevedra aprobou a semana pasada unha modificación do proxecto, que tivo que ser solicitada antes do decreto do estado de alarma debido a que as cesións precisas para a actuación na rúa non estaban rematadas e unha delas non se realizou conforme o proxecto inicial. Ao tratarse dunha actuación financiada co Plan Deporemse da Deputación de Pontevedra, calquera cambio debe serlle comunicado a esta entidade. Así pois, foi precisa unha reforma do proxecto e que este pasase polos correspondentes trámites, feito que se viu agravado pola paralización da actividade administrativa por mor do antedito estado de alarma, sen que se puidesen tomar medidas intermedias para evitar a deterioración da rúa coas obras a medio facer.
Unha vez que se conta co visto e prace da Deputación e con todos os informes de fiscalización perceptivos, a empresa concesionaria puido volver á actuación. Deste xeito, hoxe comezouse cos bordillos para continuar co formigón; calcúlase que se precisarán dous ou tres días para aplicar o formigón e de tres a cinco para que seque (dependendo da climatoloxía), o que suporá o peche deste tramo de rúa durante polo menos oito días. Unha vez máis, o Concello quere trasladarlles as súas desculpas a toda a veciñanza do Grove polos inconvenientes causados por esta obra e, en especial, aos veciños e veciñas da zona, ao tempo que lles garante que o resultado desta actuación urbanística compensará os mencionados problemas e será beneficioso para a mellora dos servizos comúns da nosa vila.