Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O CONCELLO DO GROVE SUPERVISA OS CENTROS DE COMPOSTAXE COMUNITARIA

Fecha: 2019-09-11

 

A Concelleira de Medio Ambiente, en compañía da mestra composteira Eva Hervés Pouso, cuxo posto de traballo está financiado dentro do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra, supervisou no día de hoxe  o funcionamento de varios dos centros de compostaxe comunitaria. A valoración das visitas está sendo moi positiva, dada a calidade do compost que se está xerando, a participación dun bo número de veciñas e veciños concienciados coa xestión dos residuos e co medio ambiente e a correcta metodoloxía empregada por todos eles en relación á selección dos refugallos e ao uso responsable dos composteiros.

 

Esta concellería anima a toda a veciñanza da contorna que aínda non participa a que o faga para que se leve a cabo unha separación óptima dos seus refugallos. Nas próximas semanas  incorporarase o composteiro do Sineiro ao proxecto que está a desenvolver o Concello no ámbito da xestión orgánica dos refugallos.

 

O compost obtido poderano utilizar persoas participantes para melloraren e fortaleceren o chan do céspede, dos arbustos, das árbores e da horta, cunha calidade de asimilación incomparablemente superior á de sustancias químicas ou substratos de orixe descoñecida que se compran, xa que o compost vigoriza a terra e favorece a actividade da vida microbiana, evita a erosión e o lixiviado dos nutrientes e ,en xeral, potencia e favorece toda a actividade biolóxica dos chans, que é a mellor garantía para previr pragas e enfermidades nos vexetais.