Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O CONCELLO DO GROVE DEMANDA QUE A XUNTA ESTABLEZA CLARAMENTE COMO VAI AXUDAR AOS CONCELLOS A ‘NOVA NORMALIDADE'

Fecha: 2020-06-15

 

O DOG do pasado venres publica as medidas que se porán en marcha a partir de hoxe luns sen que exista ningún dato de como se van financiar as medidas establecidas.

 

O Concello do Grove volve a reclamar da Xunta de Galicia información clara sobre o financiamento das medidas esixidas tendo en conta que a organismo autonómico debe xestionar os fondos específicos que o Goberno central lle ten trasladado para este fin. O DOG do pasado venres establece indicacións con respecto á capacidade dos bares e restaurantes (que pasan dun 75 a un 80%) e decreta a reapertura dos parques infantís esixindo que estes conten con garantía de distanciamento de catro metros, limitacións de capacidade, obrigatoriedade de emprego de máscaras, subministración de hidroxel aos usuarios e, obviamente, medidas de hixiene e limpeza. O que non se ten en conta nesta decisión e que os parques son competencia municipal e esas medidas deberán de ser garantidas polos concellos aos que, porén, non se lles facilita ningún tipo de recurso.

 

No caso concreto do Grove existen 13 parques infantís, o que suporía ter que contar con persoal de xeito permanente para garantir o cumprimento das directrices, cousa que para un municipio do tamaño do Grove resulta inviable. De igual xeito, as informacións recollidas ata o de agora apuntan a que a  Xunta determina que a rapazada volve en setembro ás aulas sen reducir a capacidade, pero establecendo que os aseos teñen que ser hixienizados tres veces ao día, feito que, unha vez máis, é responsabilidade dos municipios e que, de novo, non conta con ningún tipo de apoio por parte da Xunta.

 

Deste xeito, o Goberno autonómico está establecendo normas ou consideracións de carácter xeral trasladándolles toda a responsabilidade aos municipios, sen ter en conta se estes dispoñen ou non de capacidade económica ou recursos humanos e materiais para atenderen esas necesidades. A día de hoxe, a única información sobre posibles recursos autonómicos chegou a pasada semana en forma dunha convocatoria para solicitar axudas para os posibles gastos que se poidan xerar nas praias por adaptarse á nova normalidade, dando un prazo de sete días para presentar o orzamento e establecendo que, como máximo, se faría fronte a un 75% deste, nun modelo de xestión que achega total inseguridade e indefinición.

 

Os maiores, unha vez máis, sen atención

 

Un exemplo máis desta indefinición atópase no feito de que a información facilitada ata o de agora (a través do Diario Oficial de Galicia) tan só se centra nos establecementos de hostalería, pero non existe ningunha indicación sobre o relativo aos centros de maiores, deixando servizos tan importantes como Vellos Tempos ou atención a domicilio sen ningún tipo de indicación, directriz e, por suposto, recursos para facerlle fronte aos problemas que se poidan presentar.

 

O alcalde do Grove poñerase en contacto de xeito inmediato co presidente da Fegamp para solicitar unha fronte común dos municipios ante esta deixamento de funcións por parte da Xunta de Galicia e, ademais, enviaralle unha carta directa ao presidente Feijoo este mesmo luns reclamando que se adopten medidas reais e viables e que se pense na realidade dos concellos galegos, dotando de fondos e recursos adecuados e priorizando os servizos sociais e e a educación e, dun xeito máis específico, os nosos maiores e os nosos nenos e nenas.