O CONCELLO DO GROVE INFORMA DOS CAMBIOS DE TRÁFICO DERIVADOS DA FINALIZACIÓN DAS OBRAS DA RÚA ALEXANDRE BÓVEDA
Fecha: 2020-06-15
Os cambios terán lugar a partir do martes, cando se prevé o formigonado final da rúa.
Tal e como se ten informado ao longo da semana, os traballos para a humanización da rúa Alexandre Bóveda puideron ser retomados logo dos diversos problemas xurdidos na súa tramitación. Deste xeito, logo dos avances nas beirarrúas, tan só queda pendente o seu formigonado, se ben este non se poderá acometer ata que as condicións meteorolóxicas sexan adecuadas. Deste xeito, todo apunta a que esta semana será posible intervir neste sentido, polo que, como tamén xa se indicou, será preciso cortar a rúa durante, polo menos, cinco días.
A Policía Local deseñou o plan de tráfico que se porá en marcha durante o período de peche desta vía, establecendo cambios de sentido en diversas rúas (ver imaxe), como a Rúa do Sol, a rúa do Río da Xarda e a Rúa do Regato, e establecendo o dobre sentido de circulación na rúa Rosalía de Castro para facilitar o acceso aos garaxes. Como vén sendo habitual, estes cambios están xa marcados nas rúas para informar adecuadamente a veciñanza e que poidan prever con anticipación o sistema de circulación establecido a partir do martes. Agradécese a colaboración cidadá para o bo desenvolvemento da circulación durante este días.
