O CONCELLO DO GROVE COLABORA NO II CAMPO DE VOLUNTARIADO ‘A TERRA QUE HABITA O MAR’
Fecha: 2020-08-27
O programa terá lugar do 1 ao 12 de setembro no Cámping Os Fieitás. A recepción das persoas participantes será o mércores,2 de setembro ás 11.00 horas na Sala das Cunchas da Casa do Concello.
O Concello do Grove colabora na segunda edición do Campo de Voluntariado “A terra que habita o mar”, organizado pola Consellería de Política Social dentro do programa xuvenil O Verán que necesitas, cuxa duración será do día 1 ao 12 de setembro e que se desenvolverá no Cámping Os Fieitás. Este campo terá unha temática medioambiental que tratará de poñer en valor o Concello do Grove a través de traballos de limpeza e extracción das especies invasoras, recuperación das estruturas de observación ornitolóxica e deseño e colocación de carteis nas zonas de actuación, entre outros cometidos.
Por mor das medidas relativas á Covid, este ano o Campo muda de ámbito, polo que pasará de internacional a autonómico e reducirá o número de participantes. Xa que logo, nesta ocasión serán só doce mozas e mozos galegos de entre 18 e 30 anos quen participen na experiencia. A todas e todos eles agradéceselles o seu interese pola conservación e o coidado do patrimonio e o medio ambiente e que dediquen parte do seu tempo a este fin. As persoas voluntarias serán compensadas parcialmente polo seu esforzo co aloxamento e manutención no cámping, ademais de con actividades turísticas, culturais e de lecer.
No ano 2019 constatouse o importante labor dos voluntarios e voluntarias, que asumiron e remataron todas as tarefas proxectadas. Así pois, nesa primeira edición, recolléronse manualmente máis de tres toneladas de Carpobrotus edulis, unha planta invasora do ecosistema dunar que reduce a biodiversidade e afecta a produción de moitos cultivos. Dada a capacidade de rebrote desta especie, é fundamental non descoidar estes labores de retirada. Na pasada edición tamén se recuperou un miradoiro de aves (“Observatorio principal” ou “Cavernal”) para apoiar o turismo ornitolóxico do Concello do Grove e a posta en valor dos ecosistemas favorecendo a desestacionalización do turismo na zona e apostando por un tipo de ocio respectuoso coa natureza e que axuda a revalorizar o medio.
A intención para o ano 2020 é repasar as zonas traballadas no 2019, evitando rebrotes, e traballar noutras onde a influencia da planta invasora sexa de especial sensibilidade ambiental, tendo como obxectivo a extracción, superando as cifras do pasado ano. En canto á recuperación de estruturas, este ano traballarase no “Observatorio do Medio”, situado na estrada que percorre o istmo da Lanzada.