O CONCELLO DO GROVE APROBARÁ SUBVENCIÓNS NOMINATIVAS ESPECIAIS PARA AS ENTIDADES CULTURAIS DA LOCALIDADE
Fecha: 2020-12-11
As asociacións culturais recibirán así unha axuda para contribuír ao seu mantemento a pesar da imposibilidade de poñer en marcha actividades.
A concelleira de Cultura, Noemí Outeda, reuniuse coas entidades culturais para abordar a convocatoria das habituais subvencións de actividades, de cara a consensuar a forma de convocatoria para o ano 2020. A maioría das asociacións amosaron as súas inquedanzas e dificultades para poder desenvolver a programación anual por mor das restricións da pandemia, polo que se acordou que este ano, de xeito excepcional, se obtará pola fórmula de subvencións nominativas ou directas.
A modalidade de subvencións nominativas non estaba contemplada no orzamento do ano 2019, polo que foi preciso agardar á aprobación e vixencia do orzamento de 2020 para poder proceder á súa concesión. Nesta modalidade, a diferenza das habituais subvencións por concorrencia, non se aplica unha puntuación, senón que se outorga unha cantidade fixa. Neste caso cada asociación recibirá 1.200 euros para actividades ou gastos de mantemento e funcionamento da asociación. Precisamente ese tamén é outro cambio, xa que no modelo de subvención habitual os fondos só poden destinarse á organización de actividades, permitíndose, neste caso, destinar os recursos ao mantemento da asociación.
As axudas foron aprobadas na Xunta de Goberno celebrada esta semana e agárdase que, deste xeito, poida facilitarse unha axuda para garantir a viabilidade da actividade cultura no Grove a pesar da actual crise.