Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

RECOMENDACIÓNS E MEDIDAS DE PREVENCIÓN DO CONCELLO DO GROVE NO CASO DE TER UN NENO MENOR DE 6 ANOS CON PCR (+) OU COMO CONTACTO ESTREITO DOUTRO NENO QUE FOI POSITIVO

Fecha: 2020-12-14

 

 

Para todos os efectos, as medidas de prevención e illamento son idénticas en ambos os dous casos. Un neno que foi contacto estreito dun positivo ten un período de dez días no que, se inicialmente tivo a PCR (-), aínda pode positivizarse e contaxiar.

 

Polo tanto:

Ata ter feita a primeira PCR debemos de considerar que pode estar contaxiado e, polo tanto, ser el tamén fonte de contaxio.

Hai que lembrar que aínda que a primeira PCR feita nos primeiros días poscontacto fose negativa existe o risco de que nos días seguintes positivice.

Só debemos levantar o seu illamento e deixar de usar medidas preventivas co resto dos conviventes se dez días despois do último contacto a súa PCR é negativa.

 

Os confinamentos a estas idades teñen dúas particularidades:

A) A mesma lóxica que fai que nas aulas non deban de usar máscara como é obrigatorio nos maiores fai que unha vez que teñen que gardar confinamento no seu domicilio por contacto estreito ou por seren diagnosticados de Covid por proba PCR ( ) tampouco a usen.

B) O illamento nun cuarto onde non entre ninguén máis, agás para cuestións puntuais e tempos reducidos, faise practicamente imposible.

 

Que facer entón nestes casos?

Teñen que ser o resto de conviventes os que garden estritamente as medidas preventivas!

 

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Debemos de lembrar que as vías de contaxio son:

A) Por contacto con superficies contaminadas.

B) Por pequenas gotas de cuspe que expulsamos ao falar. (É a vía de contaxio máis frecuente en persoas que están moi preto dun contaxiado).

C) Por aerosois, que son partículas que expulsamos ao respirar e que quedan en suspensión durante varias horas se permanecemos en espazos pechados e con pouca ventilación. (É a vía de contaxio e extensión máis frecuente dentro dos domicilios).

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Como norma xeral:

Xa que o neno non usa ningún tipo de máscara, toda persoa coa que teña contacto debe levar continuamente máscara FFP2 para evitar que este sexa contaxiado. (Non é suficiente con máscara hixiénica nin cirúrxica!). A máscara débese axustar ben, sen deixar ocos sobre todo na ponte do nariz e arredor da boca, para evitar a entrada de aerosois por estas aberturas. Se ten irmáns pequenos ou alguén que teña impedimento ou dificultade para usar máscara cando están xuntos, é mellor que non teñan contacto ou que o contacto sexa mínimo! Hai que hixienizar as nosas mans despois de calquera contacto coas cousas que o neno toca (utensilios para comer) e ao rematarmos calquera actividade na que interactuemos con el (xogos, lectura...).

 

Para o movemento polo domicilio:

Os nenos nesta situación deben ter limitado o seu movemento, na medida do posible, ao seu cuarto, ao cuarto de baño e á sala onde acostumen comer. O resto de estancias deben quedar fóra do seu alcance.

As dependencias nas que lle vaiamos permitir moverse por dentro da vivenda deben ventilarse ben e, a poder ser, continuamente. (É mellor andar abrigado pola casa durante dez días que arriscarse a un contaxio entre as persoas conviventes!).

 

Para durmir:

Se por costume dormen con algún irmán, durante o confinamento deben de durmir sós e, se é necesario acompañalos para durmir, cando xa están durmidos hai que levalos para o seu cuarto.

Cando espertan pola mañá hai que ventilar ben o cuarto para evitar o cúmulo de aerosois con carga vírica que poidan contaxiar a quen entre nel.

 

Á hora da comida:

O neno ou a nena non deben comer ao mesmo tempo que o resto de conviventes, xa que nese momento ninguén levaría máscara e a exposición sería de alto risco.

Despois de comer, a estancia deberá ser ventilada antes de entraren os demais e sacaren as máscaras para comer.

Se necesita acompañamento continuo e non pode quedar só mentres os demais conviventes comen, unha persoa deberá de comer despois que o resto dos conviventes e ambos permanecerán fóra do lugar da casa onde os demais están comendo.

 

Despois de comer:

Os utensilios que se usen para darlle de comer (se necesita axuda) ou que o propio neno use (se non a necesita) deben ser lavados en canto remate de usalos para evitar contactos accidentais de calquera das persoas conviventes con eles.

Os panos de papel ou panos de mesa, os restos da súa comida e calquera elemento que posteriormente vaia para o lixo deben ser metidos unha bolsa á parte, que será gardada para entregarlla ao Servizo de Emerxencias Municipal (no caso de acabar positivizando a súa PCR), ou botados no lixo común (no caso de manterse negativa).

A mesa onde comeu e a cadeira onde sentou deberán ser hixienizadas cunha solución de lixivia ao 5% despois de seren utilizadas.

 

Uso do cuarto de baño:

Se non é posible ter un individual, debemos de hixienizar todas as pezas do cuarto de baño que fosen utilizadas polo neno despois de cada uso. Para iso é recomendable ter á man un pano limpo e, por exemplo, unha botella reenchida cunha solución de agua con lixivia ao 5% (previamente lavada e enxaugada para evitar mesturas con outros produtos químicos). A poder ser con dispensador tipo “pistola” para facilitarnos o traballo. Debemos lembrar ademais ter especial atención cos puntos onde toca (pomos das portas, billas e interruptores) e lugares onde lave as mans, a boca ou se bañe/duche.

A súa toalla será de uso exclusivo del e debe de estar nun lugar á parte das outras.

 

Xogos:

Non compartir xoguetes con outros conviventes (especialmente nenos). Cando se xoga co neno e cos seus xoguetes, a continuación deberemos gardalos onde os outros irmáns (se os ten) non os collan, ou polo menos hixienizalos (auga con lixivia ou outro desinfectante) antes de gardalos.

-----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Recomendación persoal e fóra de protocolos:

Se o neno que é contacto estreito dun positivo ten irmáns (mesmo que se garden as medidas de prevención entre eles desde o primeiro momento), estes non deberían ir á clase desde que comeza o confinamento ata confirmarse que a primeira PCR de quen foi contacto estreito é negativa. Se non poden ser gardadas as medidas de prevención entre eles durante o confinamento, é aconsellable non mandalos mesmo con esa primeira PCR negativa. Dese xeito evitaremos confinamentos doutros alumnos noutras aulas.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Pode descargar o documento en PDF premendo desde esta ligazón>