Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O CONCELLO DO GROVE ORGANIZA UNHA LIMPEZA VOLUNTARIA DE PRAIAS PARA O 12 DE XUÑO

Fecha: 2021-05-20

 

O Concello do Grove xunta forzas con Ecoembes e SEO/Birdlife para esta actividade programada de limpeza nas praias de Raeiros, Canelas, Con Negro e Aguieira, que se recolle na convocatoria do Proxecto LIBERA.

Por agora o Concello do Grove é o único da comunidade cunha iniciativa de limpeza de praias costeiras para este día.

Desde o Concello víñase detectando unha demanda por parte da cidadanía de limpeza de praias. De feito, xa existen “big bags” na zona da Batería e na Lanzada (Sanatorio e aparcadoiro central) ao dispor daqueles cidadáns concienciados co medio ambiente e que nos seus paseos polas nosas praias recollen algún do lixo que traen as mareas, xa que aínda que non os tiraramos nós, retirar estes residuos é un problema que nos atangue a todos.

O proxecto ‘LIBERA, unidos contra a basuraleza’ nace no ano 2017 para frear as consecuencias do lixo abandonado nos espazos naturais, a ‘basuraleza’, nos diferentes ecosistemas españois. Foi creado pola ONG ambiental decana de España, SEO/BirdLife, en alianza con Ecoembes, a organización ambiental sen ánimo de lucro que promove a economía circular a través da reciclaxe dos envases.

O obxectivo desta iniciativa é concienciar e mobilizar a cidadanía para manter os espazos naturais libres de lixo e para que poidamos, desta maneira, liberar moita máis vida en favor da biodiversidade. Para iso, desde LIBERA exponse unha abordaxe integral do problema en tres eixes de acción: coñecemento, prevención e participación.

O Concello do Grove, que comparte o antedito obxectivo, adscribiuse ao mencionado proxecto. Así pois, esta é a primeira actividade programada dentro del, e realizarase o 12 de xuño en tres puntos de recollida: na praia de Raeiros, na praia de Canelas e outro que compartirán as praias de Con Negro e Aguieira.

Cada punto de recollida terá prazas limitadas, polo que se require inscrición previa, ata o 4 de xuño, a través de correo electrónico auxiliarmedioambiente@concellodogrove.es ou acudindo ao despacho do servizo de Medio Ambiente situado no segundo andar da Casa do Concello.

A actividade durará 2 horas, de 10.00 a 12.00 da mañá e será obrigatorio o uso de máscara e respectar a distancia de seguridade durante todo o seu transcurso. A quen participe proporcionaránselles luvas e bolsas para a recollida antes de empezar a actividade, ademais cada coordinador ou coordinadora de grupo portará unha botella de xel hidroalcohólico ao dispor das persoas participantes.

Desde o Concello do Grove animamos a nosa veciñanza para achegar o seu gran de area na conservación deste patrimonio natural do que temos o gran privilexio de gozar.