O CONCELLO DO GROVE OFRECE OUTRA SEMANA REPLETA DE ACTIVIDADE CULTURAL
Fecha: 2021-07-09
O Concello do Grove, dentro do programa Verán Cultural, ofrece unha nova semana repleta de múltiples propostas para todos os gustos.
O programa desta semana comezará o martes 13 de xullo cun obradoiro de marionetas de papel a cargo de Viravolta Títeres. Esta actividade, dirixida a público infantil, desenvolverase na Axencia de Lectura de San Vicente a partir das 11.30 h. As prazas son limitadas, polo que será necesaria inscrición previa.
O mércores 14 de xullo será a quenda do Cinema de Verán. A partir das 22:15 h proxectarase no pavillón novo do Monte da Vila a preestrea da película Cuñados. As prazas son limitadas, polo que para poder asistir será necesario recoller as entradas na Biblioteca Municipal do Grove (de luns a venres, de 9.00 a 14.00 h) ou na oficina de turismo (sábado de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 h e domingo de 11.00 a 14.00 h).
O xoves 15 de xullo, a partir das 22.00 h, na praza do Corgo, ofrecerase unha nova entrega dos Xoves Musicais que correrá a cargo do grupo local A Banda do Sequío.
O venres 16 de xullo ás 22.00 h, tamén na praza do Corgo, e para celebrar o Día do Carme, ofrecerase unha nova actuación musical a cargo do Dúo Prisma.
Do 15 ao 30 de xullo poderá visitarse na rúa Castelao a exposición Emilia Pardo Bazán no País das Rías, organizada por Faro de Vigo co patrocinio da Deputación de Pontevedra. Trátase dunha exposición itinerante formada por 13 cubos que dan a coñecer parte da biografía da escritora galega, así como da súa relación coa provincia, os lugares que frecuentou e o seu labor como precursora do feminismo.