Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O CONCELLO DO GROVE OFRECE OUTRA SEMANA DO VERÁN CULTURAL CON NOVAS PROPOSTAS

Fecha: 2021-07-19

 

O Concello do Grove, dentro do programa Verán Cultural, ofrece unha semana con novas propostas para todos os gustos.

O programa comezará o martes 20 de xullo cun Scape Room de Astronáutica, a cargo de Héroes de la Ciencia. Ofreceranse dúas sesións dirixidas á rapazada de 8 a 18 anos que se desenvolverán na biblioteca municipal do Grove a partir das 11.00 h. As prazas son limitadas, polo que será necesaria inscrición previa.

O mércores 21 de xullo será a quenda do Cinema de Verán. A partir das 22.15 h proxectarase na rúa Castelao Donkey Xote, película de animación 3D recomendada para todos os públicos.

O xoves 22 de xullo, a partir das 21.30 h, na praza do Corgo, ofrecerase unha nova entrega dos Xoves Musicais, que correrá a cargo do grupo local de recente creación Velaivan’d.

O venres 23 de xullo, ás 11.00 h, na Illa da Toxa, terá lugar unha nova sesión de Enredando coa Biblioteca, coa actividade Descubrindo a lenda Grobbit, dirixida a público infantil a partir de 8 anos. As prazas son limitadas, polo que cómpre inscrición previa.

O mesmo venres 23, ás 22.00 h, ofrecerase unha nova sesión de cine no Campo da Festa de San Vicente. Proxectarase en formato XXL a película de animación La Rebelión de los cuentos, recomendada para todos os públicos. Este filme reinventa os contos de fadas con humor e intelixencia, recuperando personaxes e relatos clásicos coñecidos por todo o mundo para darlles a volta e introducir xiros enxeñosos, sorpresivos e rabiosamente actuais.

Xa o sábado 24 de xullo a Asociación Cultural e Musical Os Firrás ofrecerá a 5ª Edición de Noite de Serenatas na praza do Corgo, a partir das 21.00 h. Nesta nova edición, ademais de Os Firrás actuará A Bando do Sequío.

Para rematar a semana, o 25 de xullo, a partir das 21.00 h, terá lugar tamén na praza do Corgo o acto institucional do Día Nacional de Galicia, que contará coa lectura dun manifesto a cargo de Noemí Outeda, concelleira de Cultura, a intervención do alcalde do Grove, José A. Cacabelos, e rematará co concerto Budiño Fulgor, financiado polo programa Musigal da Deputación de Pontevedra.