O CONCELLO DO GROVE COMEZA O MES DE AGOSTO CON NOVAS PROPOSTAS DO VERÁN CULTURAL
Fecha: 2021-08-02
O Concello do Grove, dentro do programa Verán Cultural, comeza o mes de agosto con novas propostas culturais.
O programa comezará o martes 3 de agosto con Nimbo o argonauta, unha proposta de animación á lectura a cargo do grupo de teatro porriñés Xerpo, que recolle o nome da mitoloxía clásica onde os heroes da nave Argos, os argonautas, atravesaban un feixe de aventuras. Nimbo é un personaxe cargado de recursos, pois o seu traxe de argonauta está cheo de sorpresas, luces, micrófono e efectos especiais que farán que as nenas e os nenos teñan un achegamento lúdico á tecnoloxía. Desenvolverase na Biblioteca Municipal do Grove a partir das 11.30 h. As prazas son limitadas, polo que será necesaria inscrición previa.
O mércores 4 de agosto será a quenda do Cinema de Verán. A partir das 22.00 h proxectarase na rúa Castelao Akelarre, recomendada para maiores de 18 anos, unha película dirixida por Pablo Agüero e estreada en 2020 que acadou varios premios e nomeamentos.
O xoves 5 de agosto, a partir das 21.30 h na praza do Corgo, ofrecerase unha nova entrega dos Xoves Musicais, que desta vez correrá a cargo de Carolina Rubirosa, acompañada por Rafa Otero.
Xa o venres 6 de agosto, ás 21.30 h, dentro do Programa Cultura no Camiño, ofrecerase a actuación de Galifunk, un grupo que xorde como unha aposta de músicos profesionais que teñen en común o gusto pola música actual, así como pola música disco, dos 70, funky… Buscando sempre seren orixinais e inspirándose nas brass band americanas, crean un repertorio amplo e variado, con arranxos propios e innovadores.