PROPOSTAS DO CONCELLO DO GROVE AO CONSELLEIRO DE SANIDADE RESPECTO AO PECHE DA HOSTALERÍA POR MOR DA COVID-19
Fecha: 2021-08-03
CÁLCULO DE INCIDENCIAS E MEDIDAS PARA TOMAR SEGUNDO A INCIDENCIA
Concordamos en que non se poden tomar diferentes medidas coas mesmas incidencias, e menos sen dar explicacións coherentes, que agora xa foron dadas.
Cremos que o calculo das incidencias e as repercusións a nivel de restricións deberían de mudar, porque a situación non é igual hoxe que hai seis meses.
O que viamos ata agora era que:
Primeiro: estabamos a calcular as incidencias respecto da poboación no inverno, cando no verán se pode triplicar ou mesmo quintuplicar.
Segundo: estabamos a tomar as mesmas medidas hoxe que hai seis meses, sen relativizar o risco que supón a pandemia neste momento, no que temos máis do 50% da poboación xa con pauta completa de vacinación, precisamente a poboación de maior risco.
Cremos que neste momento se deberían de usar varios factores de corrección, como:
- A idade e morbi-mortalidade das persoas infectadas
- A taxa de ocupación hospitalaria, tanto de camas en planta como nas UCI
- A poboación real dos concellos neste momento
Á parte diso, a contabilización dos casos activos ten erros, como non contabilizar doentes con alta, a contabilización dos pacientes non censados no municipio ou continuar a contar falsos positivos dentro das incidencias.
Con base niso, o que propoñemos é que expliquen e apliquen factores de corrección a ese dato de incidencia acumulada, e que sexan iguais para todos os concellos.
Ocio nocturno:
Nós cremos que as medidas que se están pretendendo adoptar son contraproducentes:
En canto á petición de documentos acreditando da vacinación ou PCR (-):
- Primeiro: o certificado de vacinación só o pode obter a poboación maior de 40 anos, ou de 50, se se esixe vacinación completa.
- Segundo: as PCR con 72 horas de antelación son inviables, porque feitas privadamente son caras e a nivel público non se poden facer PCR co criterio “quero saír pola noite!” ou “os test de Ag abaratan o proceso”. Pero... quen os valida?
- Terceiro: só as discotecas teñen persoal continuamente á entrada para poder controlar e verificar eses documentos.
Iso abocaría, sobre todo aos menores de 40 anos (que hoxe en día son a gran maioría dos infectados na 5ª vaga), á imposibilidade de accederen aos locais de ocio nocturno, que é onde estarían máis controlados. Consecuencia? Buscarán alternativas en lugares non controlados como “botellóns” ou festas privadas, co cal aumentará a incidencia, porque realmente non lles estamos a ofrecer ningunha posibilidade de ocio a este grupo de idade.
No tocante ao control de espazos públicos, praias, parques e prazas para evitar “botellóns”, cremos que todos os representantes dos concellos coincidimos en que é inviable un control absoluto deses lugares por falta de persoal que o faga, sexa Policía Local ou Garda Civil.
Por último, a limitación e redución dos horarios de apertura dos locais de ocio pode tamén ter un efecto inverso ao desexado, xa que ao non haber unha obrigación por parte dos clientes de remataren a noite e a festa e iren para os seus domicilios, ten lóxica pensar que este ocio continuará en espazos públicos ou privados, pero sen control ningún.
Cremos que os locais de ocio nocturno deben de manter os seus horarios ou, en todo caso, aumentalos para así:
a) Favorecer o mantemento dun maior control das medidas de protección ao estar dentro destes locais.
b) Favorecer e facilitar o control das forzas da orde (coordinadas con estes locais) con visitas periódicas durante a noite para impulsar e favorecer que se cumpran as medidas no seu interior.
Por último, permítanos unha reflexión:
A ninguén se lle ocorrería hoxe en día montar lazaretos e abandonar á sua sorte a pacientes se aparecese un brote de lepra. Por que? Porque temos avanzado nos coñecementos sobre o seu contaxio e mesmo sobre a súa cura.
Polo mesmo motivo, as medias que se tomen neste momento teñen que adecuarse á situación sanitaria, á mellora dos coñecementos sobre as vías de contaxio, a vulnerabilidade e o risco real da poboación que se está a infectar nesta quinta onda.
Se non o facemos, as medidas continuarán a aumentarlle as restricións á hostalería, cando é un ambiente cun maior control, o que prexudicará a economía das vilas do Salnés, se cadra, innecesariamente.