O CONCELLO DO GROVE RECIBE NA OFICINA DE TURISMO MÁIS VISITANTES CA NO MES DE XULLO DE 2018 E 2019
Fecha: 2021-08-06
A oficina de turismo recibe no mes de xullo máis de 4500 visitantes
A oficina de turismo do Grove atendeu neste mes de xullo 1628 consultas presenciais, o que supón un total de 4557 visitantes recibidos. Estes datos superan as cifras acadadas no mes de xullo do ano pasado, pero tamén son superiores aos rexistrados nos meses de xullo de 2018 e 2019, cando se contabilizaron 4054 e 4174 visitas, respectivamente. Este aumento no número de visitantes resulta considerable dado que tivo lugar a pesar das limitacións actuais, as cales restrinxen a atención presencial na oficina a unha consulta de cada vez e non se pode atender máis dunha familia dentro da oficina ao mesmo tempo, debido ao tamaño das instalacións.
En canto á procedencia, por comunidades a de Madrid resulta ser o principal mercado emisor, seguida de Castela e León, País Vasco e Andalucía. Porén, se se toman como referencia as provincias, Madrid estaría seguida de Biscaia, Barcelona e Navarra.
Por outra banda, cabe subliñar o gran número de turistas que se aloxan en apartamentos, chegando as cifras case a igualar a aqueles que se aloxan en hotel.