O CONCELLO DO GROVE OFRECE ESTA SEMANA NOVAS PROPOSTAS DO VERÁN CULTURAL
Fecha: 2021-08-17
O Concello do Grove, dentro do programa Verán Cultural, ofrece unha semana con novas actividades dirixidas, principalmente, a público familiar.
O programa dará comezo o martes 17 de agosto co obradoiro “Pegadas do Noso”, do Programa Ler Conta Moito. Obradoiro creativo que evoca un paseo simbólico pola Galicia máxica, oral, mística e festeira, a través de xogos e dinámicas creativas. Xogo, música e narración oral, para achegar á rapazada a riqueza do noso patrimonio cultural: a literatura oral, as festas, as cántigas, o traxe, os apeiros e a mitoloxía son os contidos que exploramos de xeito curioso e xoguetón, para nos converter en intrépidos/as investigadores/as do noso. Desenvolverase na Biblioteca Municipal do Grove a partir das 11.30 h. As prazas son limitadas polo que será necesaria inscrición previa.
Na mesma Biblioteca Municipal e tamén con inscrición previa, o venres 20 de agosto ás 11.30 h, terá lugar o Obradoiro “Animalario Fantástico” do Programa Ler Conta moito. Os asistentes xogarán a inventar animais a partir de historias narradas; a inventar historias a partir de imaxes de animais presentes nos libros e mesmo a buscar o animal co que máis se identifican. Inspirados pola música de O Carnaval dos animais e o Animalario universal do Profesor Revillod, crearán un almanaque de animais coas nosas divertidas creacións plásticas e literarias.
O mércores 18 de agosto será a quenda do Cinema de Verán. A partir das 22:00 h proxectarase na Rúa Castelao Pride, recomendada para maiores de 7 anos, Unha das mellores comedias británicas dos últimos anos, baseada nunha sorprendente e conmovedora historia real e cunha impresionante banda sonora.
O xoves 19 de agosto, a partir das 21.30 h na Praza do Corgo, ofrecerase unha nova entrega dos Xoves Musicais que esta semana correrá a cargo de Dani Cornes e Legítimo Polvo.
O venres 20 de agosto a partir das 22.00 h será a quenda do cinema en formato XXL no Campo das Festas de San Vicente. Proxectarase a película Operación Ártico, dirixida a público infantil e familiar.
Xa para rematar a semana o sábado 21, dentro do programa Cultura no Camiño, terá lugar na Praza do Corgo a partir das 21.00 h unha Gran Gala Nacional de Maxia a cargo do Mago Paco e Amigos. A gala, dirixida a todos os públicos, estará presentada polo Mago Paco e contará coas actuacións do Mago José Mari Alcázar, O Mago Marco, O Mago Noel e o Mago Dani Polo.





