O CONCELLO DO GROVE, CO FINANCIAMENMENTO DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA, ORGANIZA NA RÚA CASTELAO A EXPOSICIÓN “GODAY: FRAGMENTOS DA VIDA E OBRA”
Fecha: 2021-08-24
O proxecto curatorial desta exposición correu a cargo historiadora da arte local Alma Rodríguez.
A rúa Castelao acolle a partir desta semana a exposición “Goday: fragmentos da vida e obra” organizada polo Concello do Grove co financiamento do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
A exposición está formada por 10 cubos, 40 paneis que ofrecen unha mostra que abarca, de maneira cronolóxica, a traxectoria artística do Ernesto Goday, convertendo así a rúa Castelao nun museo ao aire libre. Desde a luz dos primeiros debuxos e bosquexos desenvolvidos nos albores dos anos trinta, ata a reprodución das obras, temas e xéneros máis distinguidos da súa carreira, algúns espectadores poderán revivir, e outros coñecer, os acontecementos e factores que conformaron a súa prolífera personalidade artística. A través deses corenta paneis que compoñen a exposición, preténdese que o público visibilice e reflexione sobre a figura do insigne pintor a partir dun discurso narrativo que apela de forma cronolóxica a un percorrido pola biografía do artista e da súa creación pictórica, destacando como núcleo central da súa actividade, o retrato da sociedade mariñeira e o seu principal escenario de luz e cor: o mar do Grove e as súas xentes.
A responsable do proxecto curatorial da exposición, a historiadora da arte Alma Rodríguez, apoiou o discurso narrativo e visual na investigación desenvolvida ao longo de tres anos sobre a vida e obra do artista, unha investigación posta en marcha e financiada polo Concello do Grove para a recuperación e posta en valor do legado pictórico de Goday e que a propia investigadora continuou por conta propia dado o gran volume de documentación aínda por estudar e obras por localizar. Todo o reunido ata o momento aglutínase baixo o título 'Goday: Fragmentos da vida e obra' aclarando que, por ser unha obra que aínda lanza luz no presente, se ofrece ao público como unha aproximación e non como unha antoloxía da súa creación pictórica, debido a que aínda quedan carreiros por percorrer. A pesar diso, a celeridade creadora de Ernesto Goday ofrece, a día de hoxe, a posibilidade de contemplar o carácter da sociedade do seu tempo a través da súa longa experiencia pictórica.
Para o desenvolvemento do proxecto expositivo contouse coa inestimable colaboración e achegas de institucións e entidades como o Concello da Coruña, o Centro de Interpretación da Conserva da Illa de Arousa, a Rede de Bibliotecas do Grove ou o Departamento de Normalización Lingüística do Grove. Querendo tamén destacar a achega e marabillosa vontade por parte das propietarias e dos propietarios das obras seleccionadas, así como do apoio de Rosa Villaronga Goday (sobriña do pintor) a nivel documental e persoal, de vital importancia na execución deste proxecto.
Con esta nova iniciativa cultural o Concello do Grove, co financiamento da Deputación de Pontevedra, ofrecen este importante proxecto poñendo ao dispor de todos os públicos dunha forma amena, paseando ao aire libre pola rúa Castelao, o universo pictórico de Ernesto Goday, co obxectivo de reconciliar a inseparable unión entre o patrimonio cultural da vila do Grove e a comunidade coa que se vincula; apreciando, descubrindo, e nalgúns casos lembrando, o carácter da sociedade do seu tempo a través do retrato dunha vida dedicada á arte desde o sentido de pertenza e identidade.