Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O CONCELLO DO GROVE REMATA O VERÁN CULTURAL CUNHA SEMANA DE ACTIVIDADES DIRIXIDAS AO PÚBLICO INFANTIL

Fecha: 2021-08-30

 

 

 - O Concerto Budiño Fulgor porá o broche final á programación cultural de verán 2021

 

O Concello do Grove ofrece unha semana con diversas propostas e actividades dirixidas a público infantil e familiar que se desenvolverán na Biblioteca Municipal do Grove e na Praza do Corgo.

O martes 31 de agosto ás 11.30 h, dentro do programa Ler conta Moito,  terá lugar na Biblioteca Municipal do Grove o obradoiro creativo “Bibliotecas animadas. StopMotion” dirixido á rapazada de 6 a 14 anos. Neste obradoiro os libros servirán de inspiración para crear novos personaxes cos que experimentar coa animación tradicional (stopmotion) mediante a creación debuxos articulados que cobrarán vida gracias á fotografía. Establecerase o vínculo entre literatura e cinema, introducindo o mundo da animación e os principios da imaxe en movemento. As prazas son limitadas, polo que é necesaria inscrición previa.

O mércores 1 de setembro ás 11.30 h, dentro da programación Cultura no Camiño, desenvolverase na Biblioteca municipal o espectáculo de narración oral “Novos lobos” a cargo de Fantoches Baj. Un espectáculo de narración oral e monicreques no que se toca o tema do xénero desde a perspectiva das novas masculinidades. Deconstrúense nel algúns contos da literatura popular para adaptalos a esta nova ollada, nunha tentativa de ofrecer ferramentas conceptuais que axuden a prever a violencia de xénero. As prazas son limitadas, polo que é necesaria inscrición previa.

O xoves 2 de setembro a partir das 19.00 h na Praza do Corgo desenvolverase o “Festivaliño on the Road” durante o que se proxectarán curtas infantís nunha pantalla led acompañada dunha caravana itinerante. O visionado das curtas complementarase con obradoiros, música, rodaxes, e moitas sorpresas.

O venres 3 de setembro ás 11.30 h, dentro da programación Cultura no Camiño, terá lugar na Biblioteca municipal o espectáculo de narración oral “O censor de monstros” a cargo de Barafunda. Cristovo, ten un traballo moi especial, é "censor de monstros" con el descubriremos os  seres fantásticos que habitan na Galicia. Unha viaxe inesquecible pola nosa terra meiga, onde coñeceredes de primeira man as personaxes mitolóxicas que aínda viven entres nós. As prazas son limitadas, polo que é necesaria inscrición previa.

O mesmo venres 3 de setembro ás 21.00 h na Praza do Corgo celebrarase, dentro do programa Musigal, o concerto Budiño Fulgor, que porá fin á programación Verán cultural 2021 do Concello do Grove.