A REDE DE BIBLIOTECAS DO GROVE NORMALIZA OS SEUS HORARIOS DURANTE O MES DE OUTUBRO
Fecha: 2021-10-01
Despois de varios meses con horarios reducidos por mor de cumprir coas medidas de seguridade e limpeza para facer fronte á pandemia causada pola COVID-19, a Rede de Bibliotecas do Grove normalizará os seus horarios durante este mes de outubro para poderlle ofrecer un mellor servizo a toda a poboación.
A partir do luns 4 de outubro, a Biblioteca Municipal do Grove abrirá en horario completo de mañá e tarde. O horario será de luns a venres de 10.00 a 13.30 h e de 16.00 a 20.00 h.
Así mesmo, o luns 25 de outubro reabrirá as súas portas a Axencia de Lectura de San Vicente despois de estar varios meses pechada por motivos alleos ao servizo de bibliotecas. Para festexar esta boa nova, ofrecerase o espectáculo de contacontos “Un libro baixo a almofada”, a cargo de Caxoto Contacontos. O horario da Axencia de Lectura de San Vicente será de luns a venres, de 15.00 a 20.00 h.
Por outra banda, queremos informar que seguirán vixentes as medidas anticovid de seguridade e hixiene en todas as instalacións culturais, polo que seguirá sendo obrigatorio o uso de máscara, a hixiene de mans, o mantemento da distancia de seguridade e todas as medidas que sexan necesarias en cada momento.