A REDE DE BIBLIOTECAS DO GROVE OFRECE UNHA EXPOSICIÓN DEDICADA Á LITERATURA INFANTIL E XUVENIL DO SÉCULO XX
Fecha: 2021-10-04
O 24 de outubro celébrase o Día Internacional da Biblioteca e, para conmemorar esta importante data, a Rede de Bibliotecas do Grove organizou para este mes de outubro a exposición bibliográfica “Os clásicos da literatura infantil e xuvenil”, unha mostra de obras que comprende desde os inicios ata finais do século XX e que inclúe un apartado especial para a literatura infantil e xuvenil galega. O obxectivo desta exposición é amosarlles aos usuarios e usuarias parte do fondo bibliográfico co que conta a biblioteca municipal, onde se atopan algunhas das figuras máis importantes da literatura infantil e xuvenil do século XX.
A exposición poderá ser visitada desde o luns 4 de outubro na Biblioteca Municipal do Grove en horario de 10.00 a 13.30 h e de 16.00 a 20.00 h.
Un percorrido pola exposición permitiralles ás persoas visitantes observar que a partir de mediados do século XX a produción e o desenvolvemento dos libros para nenas e nenos se incrementou de maneira espectacular, de tal xeito que se podería facer unha exposición soamente coa produción desta parte do século.
Algunhas obras para destacar desta mostra son as Fábulas de Felix M.ª de Samaniego, cun exemplar editado en 1936. Este autor inspirouse en Esopo, Fredo e La Fontaine, e foi, en España, un dos pioneiros do xénero.
Tampouco se esquece na exposición aos Irmáns Grimm, que foron recompilando contos populares cheos de fantasía que circulaban polas vilas e aldeas. Moitos deses contos populares perduraron ata os nosos días como: Hänsel e Gretel, Brancaneves, A Bela Dormente do Bosque, Cincenta e Carapuchiña Vermella.
Avanzando pola exposición tamén se atopan as obras de Elena Fortún coa súa colección de Celia, as aventuras dos Cinco de Enid Blyton, as obras de Jules Verne, a Historia Interminable ou Momo de Michael Ende ou a Roald Dalh coa Fábrica de Chocolate.
E por último, queremos facerlles unha mención especial tanto ás obras como ás editoriais máis importantes a nivel galego, como poden ser O lobo e o raposo, da editorial Galaxia, cun exemplar de 1967, a obra Mar adiante, historia de nenos pra nenos, de M.ª Victoria Moreno. de Edicións do Castro. ou a tradución de Xela e Valentín Arias da obra de Gianni Rodari Contos ó telefono.