O CONCELLO DO GROVE CONTINÚA COA RECUPERACIÓN DOS CAMIÑOS DO RURAL
Fecha: 2022-02-05
O alcalde, José Cacabelos, xunto cos concelleiros Juan Otero, Juan Outeda e Ángeles Domínguez visitaron esta mañá tres camiños rurais abertos recentemente no Grove, dous na zona de San Vicente e un na de Reboredo.
Este novo proxecto de recuperación de camiños custou 42.000 euros, dos cales a Agader (Axencia Galega de Desenvolvemento Rural) financiou o 80% e o Concello puxo o 20% restante.
O primeiro destes camiños recuperados para o tránsito peonil comunica a zona dos Coupríns, en San Vicente, coa praia de Castiñeira, un traxecto cunhas vistas formidables ao mar que tamén facilita o acceso á zona costeira de Con Negro. A segunda vía que se acondicionou foi a baixada á Carrela, que conecta a zona centro de San Vicente coas praias de Area Grande e Piñeirón. Finalmente, o terceiro camiño ampliado e mellorado, máis interior que os dous anteriores, é o de Río Seco, que conecta Reboredo coa zona de Balea.
Cómpre sinalar que a recuperación da transitabilidade destes camiños rurais non só permitirá a súa utilización para o sendeirismo e a posta en valor do privilexiado patrimonio paisaxístico e natural do noso municipio, senón que ademais lles facilitará o acceso aos terreos de labradío lindantes ás persoas propietarias.
Así pois, con estas tres novas actuacións, o Concello continúa co Plan de acondicionamento de camiños rurais que iniciou en 2015 e informa que este ano, se consegue un novo apoio da Agader, prevé recuperar o camiño que vai desde As Valadas ata a zona da Lagoa da Bodeira e tamén o Camiño Vello de Ardia, este último na parroquia de San Martiño, que conectaría a zona de Ardia con Paredes e A Sidarella.