Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O AUDITORIO DO GROVE DEDICA A PROGRAMACIÓN DO 2º SEMESTRE DE 2025 DA REDE GALEGA DE TEATROS Á COMEDIA

Fecha: 2025-09-01

O Grove, 1 de setembro de 2025.- O Auditorio do Grove ofrecerá durante o segundo semestre do 2025 da Rede Galega de Teatros e Auditorios un ciclo de teatro dedicado á comedia co fin de entreter e provocar a risa das persoas asistentes.

En total ofreceranse catro obras de teatro de diferentes temáticas. O ciclo dará comezo o 20 de setembro e rematará o 14 de decembro.

Neura. 20 de setembro, 20.30 h

Comedia neurótico-festiva, recomendada para maiores de 12 anos, que aborda o tema da saúde mental. Iso si, con minúsculas. Os nosos protagonistas conviven con teimas propias e alleas. Algunhas delas tentan escondelas mentres exhiben outras orgullosos. Ás veces toléranas, en ocasións búscanlles tratamento, pero sempre sofren por elas.

Neura non é unha comedia romántica: Edu e Sonia, xa viviron no pasado a súa historia de amor e desamor. Unha historia que terminou precisamente por mor deses pequenos trastornos. Non son amigos, non son amantes. Son esa categoría difusa á que chamamos “ ex”. Xente da que sabemo sata o seu grupo sanguíneo, pero coa que nos comportamos coma se fosen perfectos descoñecidos.

Os azares da vida fan que se volvan a atopar en distintas circunstancias. Obrigados unha vez máis a poñer a proba a compatibilidade das súas neuras.

As R(humorosas). 18 de outubro, 20.30 h

Proposta teatral cómica onde 3 actrices poñen en valor as grandes mulleres da historia galega nun contexto fresco, orixinal, divertido e moi innovador.

Que dirían María Pita, Rosalía de Castro ou Isabel Zendalse fosen cómicas hoxe en día? Isto é o que Ledicia Sola, Marta Doviro e Carmen Méndez preguntáronse como premisa para empezar a construír este espectáculo.

Sabemos algunhas cousas que se din delas nos libros, pero que contarían elas de si mesmas se puideran falar? Marta, Carmen e Alegría danlles voz a estas e outras mulleres ilustres de Galicia a través de situacións imaxinarias como unha entrevista no SEPE, un programa de murmuración ou un cásting. Todas estas situacións en clave de humor expóñense coa idea de xogar, imaxinar e sobre todo deixarlles falar ao máis puro estilo micro aberto para coñecelas un pouco mellor.

Nun formato que mestura os monólogos con sketches cómicos e mesmo música, achegámonos aos detalles máis descoñecidos de grandes nomes como Emilia Pardo Bazán, María Casares ou mesmo lendas como a de Pepa A Loba. Todas elas terán que postularse e facer valer os seus méritos para ser coñecidas e recoñecidas para toda a sociedade.

O que hai que ver. 15 de novembro, 20.30 h

Espectáculo de comedia que conta, en clave satírica, unha serie de historias nas que o humor se funde co teatro para crear un cóctel explosivo destinado a lograr que os espectadores «estoupen coa risa».

Os actores e creadores Marcos Alonso, Suso Pando e Manuel Pombal idearon para esta proposta escénica unha combinación dalgúns dos mellores sketches da historia de Fulano, Mengano e Citano, aos que sumaron outros de nova creación aos que se lle engaden unha serie de cancións orixinais cargadas de ironía.

Así crean, en conxunto, un todo variado, dinámico e sorprendente, seguindo a liña de humor que caracteriza á compañía viguesa que desde 1995 desenvolve unha interesante traxectoria centrada no territorio galego

Go on!. 14 de decembro, 19.30 h

A compañía de teatro Malasombra volve ó Auditorio de O Grove, agora coa representación da obra cómica teatral GO ON !, unha odisea cómica escrita por José Luis Prieto e dirixida por Marcos Orsi na que os actores Xoque Carbajal e Jouse García interpretarán a dous exploradores espaciais que entraron nas descoñecidas terras galaicas a través da ruta xacobea.

Despois da chegada do home á lúa, á humanidade só lle quedaba un reto: a chegada do home a Galicia. No ano 2010 (ano 25 despois de Gayoso) dous intrépidos exploradores tiveron o valor de adentrarse nas descoñecidas terras galaicas a través da Rúa Xacobea.

 

As entradas para asistir aos diferentes espectáculos poderán adquirirse na Biblioteca Municipal ou no propio Auditorio do Grove nas datas que se indicarán antes das representacións.


neura


Rhumorosas


O que hai que ver


Go on