Ernesto Goday, O mar do Grove nas coleccións dos seus veciños
Fecha: 2011-04-06
O venres, día oito, ás oito da tarde, no Cipes do Grove, inaugúrase a exposición titulada Ernesto Goday, o mar do Grove nas coleccións dos seus veciños, nun acto que contará con intervencións de Luís Rei, Rosa Villalonga Goday e Xoán Antonio Pillado, que estarán acompañados polo alcalde e o concelleiro de Cultura do Concello do Grove.
Recupera o Concello do Grove as naves da que noutrora foi factoría conserveira, na Punta de Moreiras, hoxe destinadas a ser o Centro de interpretación do Intermareal, da Pesca e da Salga, da mellor das maneiras posibles: organizando unha mostra de arte plástica relacionada co mar do Grove. E faino recuperando, ao mesmo tempo, dez anos despois do seu falecemento, á máis senlleira figura dos artistas galegos nacidos entre nós: Ernesto Goday, que tanto e tan ben pintou a nosa costa, os barcos, as mulleres, as bateas, a seca, as tabernas, os mariñeiros, o peixe, as dornas, o porto, os cons…
O Grove debíalle ao pintor Goday esta homenaxe que agora se lle rende. Facémola botando man das coleccións particulares, dos seus veciños e familiares, das xentes ás que Ernesto lles vendeu obras, ou mesmo daqueles aos que o pintor Goday agasallou con algún cadro. Temos que dicir que ninguén rexeitou o préstamo da súa obra para facer posible esta fermosa mostra de pintura relacionada co mar do Grove, feita polo seu máis ilustre pintor.
No capítulo de agradecementos, o Concelleiro de Cultura, Antón Mascato, quixo salientar a dispoñibilidade da sobriña do pintor Rosa Villaronga Goday, e de Xoán Antonio Pillado Silvoso, principias artífices desta mostra; e a de todas e todos os veciños que prestaron os seus cadros para esta mostra, “algún día comezará a xestarse, ou quizais comezou xa, a serie de cadros de artistas como Ernesto Goday, depositados no Concello do Grove, para que formen parte da colección permanente deste lugar, no que poidan ser admiradas por cantos nos visitan. Porque Ernesto Goday Caamaño pintounos o corpo, os barcos e as casas, a fasquía de como somos nós, pero pintou tamén a nosa alma colectiva”.
Ernesto Goday, vida e obra
A creatividade artística non se basea só nunhas calidades innatas da persoa, senón que tamén precisa dun ambiente, dun contorno no que floreza e se potencie. O contorno en que floreceu e que condicionou a pintura de Ernesto Goday foi o mar, as súas cores e formas, as súas xentes, os seus traballos, as súas casas...
Ernesto Goday Caamaño (O Grove, 1914 - Madrid, 2001), bisneto de José Goday Llauger e de Vitoria Deira Prol; o Goday que instalou, no século XVIII, a primeira industria de salga na Punta de Moreiras; neto de Carmen Goday Deira, e fillo de Emiliano Goday e Cándida Caamaño López. Ernesto criouse no mariñeiro barrio de Lordelo, levaba o salitre nas súas veas, pero tamén o xenio artístico dalgúns dos seus devanceiros cataláns. De neno xa amosaba as súas inquedanzas plásticas debuxando películas nunhas tiras de papel, despois pasábaas por unha pantalla aberta nunha caixa e cobráballes aos nenos que asistían a estas sesións un botón.
Co seu parente Francisco Otero Goday, don Paco Otero, avogado e artista, aprendeu os segredos das técnicas da talla na madeira e da pintura, que despois foi perfeccionando de forma autodidacta. No ano 1948 comeza as estadías en Madrid, onde acode ás clases do Círculo de Belas Artes e da Academia de San Fernando, e viaxa e pinta por Cataluña, Andalucía, Valencia e Estremadura…
Pero o mar sempre tira, e a un do Grove máis. Aquí pinta mulleres mariscando, atando redes, mariñeiros traballando, barcos, o peirao, paisaxes marítimas, currunchos dos barrios mariñeiros de Peralto, Lordelo, Rons, A Cruz... Mar e máis mar que, gravado na súa retina e nos seus cadernos de apuntametos, sérvelle para seguir plasmando, en plena estepa castelá, as súas vivencias grovenses. Pero non é só o mar do Grove o que aparece nos seus cadros. Cambados, Combarro, Vigo, Cangas, Muros, Noia, Camariñas reciben a súa visita, que queda rexistrada en innumerables bosquexos, debuxos e cadros.
O retrato tamén foi unha das súas facetas máis destacadas. Á parte daqueles feitos de encarga por distintas persoas, Ernesto Goday gustaba de facer, por iniciativa propia, retratos de mariñeiros, para os que usaba como modelos a distintos veciños: Manoliño, Josefá, Cocherito, Lura... son personaxes populares do Grove que quedaron inmortalizados nos seus cadros. Tamén fixo algunhas incursións no mundo da talla, pero case reducidas ao ámbito familiar, no que aínda se conserva unha figura feminina que ía ser o mascarón de proa encargado por un industrial conserveiro para unha finalmente non nata embarcación.
A primeira exposición individual que fai no ano 1947 non pode ter mellor marco: a cidade portuguesa de Porto, tan vencellada ás descubertas, ás conquistas ultramarinas, ao comercio e á pesca, e na que, por certo, tamén hai unha freguesía que se chama Lordelo. A esta seguen outras moitas en distintos lugares de Galicia e do resto do Estado e, como non, as súas citas anuais no Gran Hotel da Toxa e na súa casa-estudio da rúa Castelao, que converte na única sala estable de exposicións de arte no Grove. É invitado e seleccionado a participar en importantes exposicións colectivas, como as Bienais de Zaragoza, as de Pintores Figurativos en Barcelona e Madrid, o Certame de Artes Plásticas de Pontevedra, as Exposicións Nacionais de Belas Artes, ou os Salóns de Outono, en Madrid, onde acada a terceira, segunda e primeira medallas nos anos 1958, 1960 e 1961, respectivamente.
A extensa e prolífica obra de Ernesto Goday atópase hoxe en día espallada por numerosas coleccións particulares de distintos países e en varios museos e institucións. Nos seus cadros seguen vivos o mar do Grove, as súas xentes, os seus traballos e as súas paisaxes, tanto naturais coma urbanas.